O estudo de detalle do xeriátrico contempla a reordenación dos accesos

61
  • Tras a aprobación definitiva do estudo no vindeiro Pleno, o Concello estará en disposición de conceder licencia de obra

A Comisión de Urbanismo vén de emitir ditame favorable do estudo de detalle da parcela na que se situaba o antigo cuartel da Garda Civil (entre as rúas Doutor Loureiro Crespo e Casimiro Gómez) destinada á construción da residencia de terceira idade. Así o anunciou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, quen explicou que, tras a resolución do informe de afectación aeronáutica e do prazo de exposición pública sen alegacións, xa só queda a aprobación definitiva deste estudo por parte do Pleno, para poder concederlle a licencia de obra á empresa responsable do proxecto. 

Explicou, ademais, que este informe de detalle ten por obxecto reaxustar as aliñacións e rasantes da parcela, en concreto da parte colindante coa Igrexa de Virxe do Camiño, así como a reordenación dos volumes edificables. 

No epígrafe das aliñacións e rasantes, o estudo prevé a demolición dun alpendre situado entre o edificio do cuartel e a igrexa, que será por onde se habilite o acceso ás instalacións do xeriátrico, así como o deseño dun itinerario peonil accesible en toda a fronte da edificación desde a rúa Casimiro Gómez ata o espazo axardinado existente, que inclúe a  eliminación de beirarrúas. 

No apartado da ordenación do volume edificable, as novas instalacións prevén unha planta baixa de 1.210,91 metros cadrados, e seis andares en altura que só ocupen aproximadamente a metade desa superficie, de xeito que no primeiro andar quedaría como unha gran zona de recreo tipo terraza.  En total a superficie edificable é de 4.771,81 metros cadrados, e a superficie de ocupación do solo é de 1.320,05 metros cadrados.

Plan parcial de Valdecorvos

Na Comisión de Urbanismo desta mañá tamén se decidiu remitir á Dirección Xeral de Urbanismo unha proposta para desbloquear a solicitude de licencia para a construción de 11 vivendas no sector B-1 de Valdecorvos. 

A licencia, solicitada por unha cooperativa para edificar na parcela 11 vese afectada por incongruencias entre os artigos 8 e 9 das ordenanzas do plan parcial. Xaquín Moreda lembrou que estas parcelas aparecen clasificadas no artigo 8 “para vivendas de promoción pública” pero que no artigo 9 se explicita que “estarían suxeitas a calquera tipo de protección oficial”.

Toda vez que na Consellaría indicaron que é o Concello a entidade competente para decidir se se trata dun erro, o Concello trasladoulle un informe no que se concluía que non era un erro e que había dous mecanismos para resolver esta incongruencia: mediante a aplicación de regras de interpretación, ou tramitando unha modificación puntual no PXOU.

O Concello propón un un criterio interpretativo de integración dos artigos 8 e do 9 que, de contar co visto bo da Dirección Xeral de Urbanismo, pasaría a ser aprobada en Pleno e permitiría desbloquear a mencionada licencia para a construción das 11 vivendas.