Concello e Universidade unirán forzas na loita contra o cambio climático e cooperarán para poñer en valor o ‘cinturón verde’ e os cauces fluviais da cidade

11

O Concello e a Universidade de Vigo asentaron hoxe as bases dun acordo que lles permitirá unir forzas na loita contra o cambio climático e cooperar estreitamente para poñer en valor o ‘cinturón verde’ e os cauces fluviais da cidade. Este pacto de colaboración en materia medioambiental foi decidido durante unha reunión de traballo celebrada na sede universitaria da Casa das Campás e na que participaron o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; o director do Green Campus, Carlos Souto; o director de Infraestruturas da UVigo, José María Cancelas; a concelleira de Universidade, Yoya Blanco; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

Tralas tomas de contacto inicial que os socialistas tiveran coa Vicerreitoría este verán, a reunión desta mañá serviu para iniciar unha colaboración formal e estable entre ambas institucións. Segundo precisou Iván Puentes, no encontro falouse sobre o desenvolvemento do convenio marco asinado entre Universidade e Concello, “e fundamentalmente na posibilidade de concretalo en convenios específicos que permitan a colaboración en materia deportiva entre especialistas e futuros especialistas que están a estudar no campus e os miles de nenos e nenas que fan deporte en Pontevedra; en materia de consumo e comercio, e tamén en materia de promoción da propia Universidade e do campus a través da Concellería de Promoción Económica e Turismo (que dirixe Yoya Blanco)”.

O edil de Desenvolvemento Sostible salientou a importancia da colaboración no eido medioambiental para ambas institucións “nun dobre sentido: aportación de coñecemento neste ámbito por parte dos grupos de

investigación que traballan na Universidade de Vigo e o campus de Pontevedra e que son referencia a nivel europeo, e tamén en todo aquelo que se refire á promoción e apoio institucional do Concello a un proxecto dos máis apaixoantes que ten esta cidade, que é o do Green Campus, que nos sitúa como referente a nivel estatal”. “Somos a única a cidade que ten un campus deste tipo no conxunto de España e das poucas que o teñen en Europa”, lembrou o concelleiro do PSOE.

Tal e como afirmou, “queremos desenvolver liñas de colaboración que nos permitan beneficiarnos das potencialidades da Universidade e que, por outra banda, o campus tamén se beneficie dunha cidade que está disposta a acollelo”.

Aínda que non era o motivo fundamental desta xuntanza, os concelleiros socialistas tamén lle preguntaron ao vicerreitor polo estado da solicitude de autorización para a construción do futuro skatepark, un trámite que está a levar dende a sede central da Reitoría en Vigo e que resulta necesario para a execución do proxecto.