O Concello identificará os elementos que ‘desentoan’ na paisaxe urbana

47

“Trátase de facer unha diagnose para ver que elementos desentoan na escena urbana  coa participación da veciñanza con suxestións para actuar sobre eles” así resumía o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, o obxectivo do ‘Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana” que porá en marcha o seu departamento. “Despois da transformación de Pontevedra hai que mellorar a escena urbana con pequenas actuacións nestes espazos de difícil resolución” explicou o concelleiro, quen fixo fincapé en que “a marca Pontevedra xa está creada e estase xerando orgullo con ela, e estas actuacións permitirán seguir evolucionando na mesma dirección”.

Segundo indicou Moreda, este plan concíbese para resolver a falta de integración de “superficies verticais visibles desde o espazo público e deficientes de calidade, de deseño e de integración na escena urbana” e entre os exemplos deste tipo de elementos citou  medianeiras, valos publicitarios, muros, ou mesmo parcelas pequenas que non teñen suficiente superficie para edificar.

O concelleiro informou que para levar a cabo esta acción se contratará un equipo que desenvolva este proxecto e que promova a participación veciñal. “Sobre todo o que queremos é que sexa participativo, que haxa reunións coas asociacións de veciños e cos movementos sociais dos diferentes barrios para que fagan suxestións porque a veciñanza é quen mellor coñece estes elementos” asegurou Xaquín Moreda.

O plan céntrase nunha primeira fase de diagnose e participación, para identificar e localizar os elementos sobre os que actuar, e recoller as propostas de actuacións concretas para cada un dos elementos. Moreda tamén indicou que espera rematar esta diagnose ao longo do ano 2020 

COMPARTIR