O avance da reforma de Echegaray e Rouco obrigan a pechalas ao tráfico a próxima semana

63
  • O Concello está a acometer a reurbanización de Echegaray, a través do novo contrato da auga cun orzamento de case 700.000 euros. O peche da rúa será de luns a venres en horario de mañá e tarde.
  • A reforma de Rouco obriga a pechar, outra vez, a rúa para conectar os servizos de ambos lados. A zona estará cortada ao tráfico de paso de luns a xoves.
  • En ambos casos garántese o acceso a veciñose servizos; e no caso de Barcelos, ao estacionamento soterrado.

As obras de reforma urbana e mellora dos servizos que o Concello acomete nas rúas Echegaray e Rouco, obrigará a modificacións de tráfico na vindeira semana. En principio, está previsto o peche das rúas en horario de mañá e tarde, para continuar co ritmo de obra e para unir servizos dun lado ao outro das rúas.

No caso da rúa Echegaray, o peche de tráfico comezará o luns, 30 de setembro a partir das 09.30 horas, e farase en franxas horarias para garantir o acceso aos residentes e aos servizos da rúa. Polo tanto, o peche está previsto de 09.30 horas a 13.00 horas e de 15.30 horas até as 19.00 horas.

O remate do peche non está definido xa que dependerá da evolución das obras.

O plan de tráfico estará debidamente marcado con desvíos, recomendando a saída da cidade a través da Ponte das Correntes.

O proxecto de Echegaray

O proxecto de reforma da rúa Echegaray ten un custe de 696.064,21 euros. Con esta actuación os servizos serán totalmente novos. O saneamento cambiarase por ambos lados, polo que se instalarán 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas. Na auga, haberá unha substitución da rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instalaranse 14 unidades de acometida.

Tamén se substituirán as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros.

Outra das actuacións é a substitución de toda a canalización eléctrica, tamén nunha lonxitude de 425 metros.

A reforma en superficie segue os mesmos estándares de calidade que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, aínda que quedará un carril de servizo a ambos lados. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de estacionamentos e de vía.

A rúa Rouco

No caso da rúa Rouco, será preciso volver a pechar a rúa para continuar cos traballos de paso de servizos dun lado ao outro da rúa. Nesta ocasión o peche está previsto dende o luns, 30 de setembro até o 4 de outubro.

O acceso á praza de Barcelos restrinxirase agás residentes, garaxes, servizos e o estacionamento soterrado. Tamén queda anulado o acceso á Barcelos dende Benito Corbal a través da rúa Vasco da Ponte

O horario de peche será dende as 09.00 horas até as 19.30 horas. Posteriormente quedará aberto á circulación normal.

O proxecto da rúa do Rouco contempla a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos urbanos no ámbito do centro escolar, o que supón a ampliación dos espazos destinados á mobilidade peonil. Manterase unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo. Esta beirarrúa terá un ancho de 3 metros; e no lateral esquerdo (no do colexio) a beirarrúa increméntase até os 5 metros.

A calzada será repavimentada e a beirarrúa crearase con lousa confinada entre bandas de granito. Procederase á eliminación das barreiras arquitectónicas e tamén se aproveitará para renovar as redes de pluviais e de sumidoiros.

O proxecto tamén contempla a colocación de novo mobiliario urbano (5 papeleiras, 7 bancos, e 10 aparcabicis), e a mellora da iluminación.