A Concellería de Deportes publica as listas definitivas de admitidos nas Escolas Deportivas Municipais

342
  • As actividades de tódalas EDM darán comezo mañá nos horarios previstos en cada una delas. Os respectivos monitores entregarán as fichas de inscrición para cubrilas e devolvelas na propia EDM 

Os interesados en inscribir aos seus fillos nas Escolas Deportivas Municipais (EDM) de 2019-20 xa poden consultar o listado definitivo de admitidos con praza confirmada, así como as listas de agarda, no taboleiro oficial do Pavillón dos Deportes, na páxina de Facebook ‘Deportes Pontevedra’ e na área de Deportes da web do Concello ‘www.pontevedra.gal‘. A partires de mañá, martes 1 de outubro, darán comezo as actividades deportivas de tódalas EDM nos horarios previstos en cada unha delas, sendo os respectivos monitores os encargados de entregar as fichas de inscrición que os pais deben cubrir completamente e devolver ao día seguinte na propia EDM (non nas oficinas do Pavillón).

Os listados de preinscritos con praza confirmada naquelas actividades nas que a demanda superou a oferta, así como as súas listas de agarda, pódense consultar neste enlace: ‘https://drive.google.com/file/d/1uCo93Whk64lWGwN9LhSeDl-fRgyJzKoM/view‘. Para as EDM que nas que non houbo máis demanda que oferta e que, polo tanto, non tiveron sorteo (https://drive.google.com/file/d/19iio6KfH8kUHQdcdXw3lIVJ4zDQ-MKV0/view), as persoas interesadas poderán dirixirse directamente ao club organizador da actividade.

Tal e como indica o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “as entidades deportivas só se porán en contacto cos rapaces en lista de agarda no caso de que a lista de vacantes se desprace ata o seu posto”. “Se algún nen@ non puidese acudir o primeiro día da actividade -aclara o edil do PSOE-, terá que comunicarllo inexcusablemente ao club organizador na primeira semana, de xeito que non haxa dúbidas sobre o seu interese en participar na Escola Deportiva”.

Para completar a fase de inscrición final, os interesados deberán entregarlle aos clubes antes do 18 de outubro unha ficha totalmente cuberta, xunto co DNI d@ representante legal d@ menor, a tarxeta sanitaria d@ rapaz@ e un xustificante do pagamento da matrícula.

A demanda das Escolas Deportivas Municipais para o período 2019-2020 acadou a cifra récord das 2.000 solicitudes, o que supón un incremento dunhas 200 prazas con respecto á edición anterior. Segundo subliña Tino Fernández, a Concellería de Deportes incrementou en 108.000 euros a achega para subvencionar as EDM, pasando de 142.000 a 250.000 euros, o que permite cubrir unha oferta de ata 2.500 prazas e aumentar as axudas en 22 euros por rapaz (de 60 a 82 euros por neno).

56 grupos de diferentes idades en 21 disciplinas deportivas

A oferta da Concellería de Deportes abrangue un total de 56 grupos de diferentes idades en 21 disciplinas deportivas impartidas por entidades sen ánimo de lucro, para as que se estableceu unha cota de participación de 50 euros para todo o curso escolar. A proposta das Escolas Deportivas Municipais inclúe tríatlon, atletismo, baloncesto, rugby, fútbol, voleibol, fútbol sala, balonmán, esgrima, tenis, padel, bádminton, judo, loita olímpica, taekwondo, ximnasia rítmica, xadrez, escalada deportiva, ximnasia acrobática, orientación deportiva e ximnasia trampolín.

A estas prazas que veñen de convocarse hai que sumarlles outras 600 das EDM rurais (mantense a cifra con respecto a 2018-19), o que supón unha cifra global de 3.100 prazas, sen contar ás das EDM para grupos especiais. No caso das escolas rurais a achega pasaría de 24.000 a 30.000 euros, o que nos permite pasar de 40 a 50 euros de axuda por neno, e nas de grupos especiais pásase de 10.000 a 15.000 euros (un 50% de aumento).