O Concello arranca o mandato dos barrios actuando en Eduardo Pondal

124
  • Está previsto actuar na praza de Ponte Bolera, Pedro Sarmiento de Gamboa, Curtidoira, travesía de Eduardo Pondal, e rúa da Moa.
  • Eduardo Pondal e Otero Pedraio disporán de pasos sobreelevados, e completarase o circuíto peonil a través da pasarela de Doce de Novembro para unir as rúas Estrada e Hortas.
  • O concelleiro presentará esta intervención nun encontro que manterá mañá ás 19.00 horas coa directiva da Asociación Eduardo Pondal no Local Social do Gorgullón.

O Concello de Pontevedra marcouse neste mandato estender o modelo da cidade aos barrios “porque este é o mandato dos barrios”, explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez na presentación esta semana da primeira actuación prevista na cidade, no ámbito dende a pasarela de Doce de novembro até a praza de Ponte Boleira.

O concelleiro explicou que está a elaborar un plan de obras, detectando os problemas para priorizalos e atacalos. Esta actuación de grandes obras está complementada coas intervencións que levará a cabo a Concellería de sostemento dos espazos públicos, dirixida pola concelleira Eva Vilaverde que actúa neste momento na subida a Monte Porreiro.

Ademais de actuacións integrais tamén está previsto realizar obras moi concretas “logo do estudo do terreo e que permitan mellorar a vida en todos os barrios”, mantendo contactos coas asociacións de cada barrio.

A primeira proposta é o ámbito dende a pasarela de Doce de Novembro até a praza de Ponte Bolera, onde se pretenden solucionar problemas nos circuítos peonís en todo este ámbito. O Concello está elaborando os proxectos para poder empezar a solucionar problemas nas próximas semanas.

Ponte Bolera, Pedro Sarmiento e Curtidoira

O primeiro ámbito é a praza de Ponte Bolera, a rúa Pedro Sarmiento de Gamboa e a rúa da Curtidoira. Neste espazo está previsto solucionar problemas como a construción dunha beirarrúaa en Pedro Sarmiento de Gamboa (dirección Gorgullón a man esquerda) ou facilitar a saída do parque infantil na praza, que na actualidade non ten paso de peóns na súa entrada.

O ámbito do Gorgullón, onde se está a concluír a obra de reforma do Camiño de Santiago, completarase a actuación intervindo na travesía de Eduardo Pondal e na rúa da Moa.

Estas actuacións terán un proxecto integral como a do Gorgullón ou a da rúa do Muíño, aínda que está por definir o tipo de intervención (plataforma única, carril…). Probablemente a rúa da Moa, na parte baixa, quedará de uso veciñal xa que se trata dun fondo de saco.

Eduardo Pondal e Otero Pedraio

A intervención prevista en Eduardo Pondal e en Otero Pedraio é a instalación de pasos sobreelevados, xa que en Eduardo Pondal rexistrouse o pasado ano un ferido grave nun atropelo “e iso non o podemos consentir”, explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez. Polo tanto, elevarase a beirarrúaa en cada un dos pasos de peóns, e instalaranse dous en Otero Pedraio: un diante da entrada do albergue de peregrinos e a entrada á senda do Gafos. O paso diante da estación de tren manterase no estado actual porque está incluído dentro do ámbito da reforma da estación de autobuses.

Finalmente o concelleiro fixo referencia á necesidade de garantir os circuítos peonís entre a rúa das Hortas e a rúa da Estrada, a través da pasarela peonil de Doce de novembro. Demetrio Gómez manifestou que é unha actuación conxunta co departamento de Parques e Xardíns que dirixe Iván Puentes, dado que xunto á obra civil que consistirá na construción de beirarrúaas para garantir o paso dos peóns nese punto, na actualidade moi conflitivo, tamén está previsto unha actuación ambiental para transformar o espazo nun lugar de estancia.

COMPARTIR