Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e o barrio do Castañal

19
  • O martes reunirase a Mesa de Contratación para abrir as ofertas e continuar co proceso de contratación.
  • Boa parte das empresas se presentan como Unión Temporal para poder executar esta obra que supera os 2,5 millóns de euros.

O Concello de Pontevedra recibiu 12 ofertas para executar o proxecto de reforma da rúa Loureiro Crespo e do barrio de Castañal. O prazo de presentación rematou na noite do luns, 30 de setembro e a Mesa de Contratación na que se coñecerán os pregos reunirase o vindeiro martes, 8 de outubro, ás 12.30 horas.

Boa parte das empresas se presentan en Unión Temporal de Empresas (UTE):

  • UTE Audeca-Narón
  • Covsa
  • Xac – Orega
  • UTE Alvac- C.P. Abilleira
  • UTE E.C.Casas – Ramírez
  • UTE Prace – Ramón Váquez y Reino
  • UTE Ogmios -Fechi
  • Elsamex
  • Civis Global
  • Excavaciones y transportes Ivanca
  • UTE Oresa – Anfisa

Existe unha última oferta da que non se coñece o nome porque non cubriu a súa identidade na Plataforma do Estado no que se presentan as ofertas que chegan á Mesa de Contratación. Este nome coñecerase durante a reunión da propia mesa.

O proxecto

A reforma ten un orzamento de licitación de 2.557.256 euros e un prazo de adxudicación de 11 meses. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros. As melloras son investimentos que poden presentar as empresas pero que están fóra do custe da obra, é dicir, son obras que asumen as propias compañías con fondos propios e fóra do custe da obra. Estas melloras consisten na reurbanización das rúas: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas.

O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas:

  • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos.

Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.

  • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos. 

Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.

  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.

No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal.

As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.

O resto de rúas: Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo.

A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas.

COMPARTIR