Os traballos da Ponte do Burgo inician nova fase coa colocación da varanda

13
  • Tras a colocación do lastro de predra en toda a plataforma da ponte, a mediados da vindeira semana comezarase a instalar a nova varanda 
  • Forman parte do proxecto da posta en valor da Ponte do Burgo, financiado nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A mediados da vindeira semana está previsto que comece a instalarse a nova varanda na Ponte do Burgo, de cara a continuar cumprindo os prazos previstos para esta obra. Así o confirmou esta mañá o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, quen visitou os traballos acompañado do concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, da concelleira responsable dos Fondos EDUSI, Anabel Gulías, e de representantes veciñais, do comercio e do Camiño Portugués.

“Precisamente hoxe viñemos porque xa está o enlousado en pedra rematado e comezamos, a partir do día 9, coa colocación da varanda, que vai provocar que a propia ponte quede xa preparada para a colocación do alumeado” asegurou Demetrio Gómez. Hai que lembrar que a nova varanda está deseñada atendendo a todos os requisitos de seguridade e estabilidade esixidos por Lei e que disporá dun pasamáns máns ancho do habitual para poder apoiarse nel e contemplar o río, de xeito que funcione como un “mirador”. 

A súa instalación realizarase sobre o novo pavimento de pedra que vén de ser colocado e levará integrado un sistema de alumeado que se dirixirá cara o taboleiro da ponte para que os peóns poidan ver por onde pasan. “A baranda vai quedar realmente acorde co que é a ponte” asegurou o concelleiro e insistu en que “nos vai permitir meter este elemento (a ponte) tan importante para Pontevedra e para o Camiño Portugués no século XXI”.

Demetrio Gómez afirmou que o traballo de colocación do lastro de pedra foi “un traballo de marquetería que quedou moi ben, que provocou que durante unha tempada estivese a ponte cortada ao tránsito peonil pero foi absolutamente imprescindible para ir cumprindo cos prazos e co calendario previsto”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores asegurou que o máis importante desta obra é que posibilita que “o Camiño desde que entra no Gorgullón ata o Burgo é totalmente peonil, e penso que é a única cidade no que o Camiño que é peonil en toda ela”. Mentres, o tesoureiro da Asociación O Burgo, Joaquín Estévez indicou que “cando a obra estea rematada vai ser unha boa obra para o Burgo” e engadiu que “xunto co local social próximo a inaugurarse, son dúas infraestruturas moi necesarias para o Burgo”

O proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, e nestes momentos, o ritmo das obras van acordes cos prazos previstos de cara á xustificación económica ante o Ministerio de Administracións Públicas, órgano xestor dos Fondos europeos no Estado español.