Pontevedra ultima os preparativos para acoller o novedoso espectáculo ProTour Fetri

123
  • A esta proba que se disputará por vez primeira no Estado están confirmados Javier Gómez Noya, Fernando Alarza e Mario Mola.
  • Celebrarase na contorna do río Lérez a fin de semana do 12 e 13 de outubro.

A pouco máis dunha semana para que a cidade acolla a primeira edición do ProTour Fetri, o Concello de Pontevedra, a Federación Española de Triatlón (Fetri), a Federación Galega de Tríatlon (Fegatri) e a Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia celebraron esta mañá un comité organizador da proba presidido pola concelleira responsable de grandes eventos deportivos, Anabel Gulías, e na que estiveron presentes, o secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o director de competicións da Fetri, Jorge García, e un  representante da federación galega. No encontro ultimáronse os pormenores desta cita deportiva. 

Na vindeira fin de semana, Pontevedra será o escenario no que estarán os principais deportistas de tríatlon do Estado español: Javier Gómez Noya, Mario Mola, Fernando Alarza, Iván Raña, Sara Pérez, Carolina Routier, Anna Godoy… para competir xunto aos mellores de España, até completar un total de 40 triatletas por categoría. Como se encargou de recordar o director deportivo da Fetri, Jorge García “por primeira vez na historia, estarán os tres campións do mundo de tríatlon xuntos competindo entre eles”.

A proba deseñada por primeira vez pola Federación española está pensada como “carreiras curtas e explosivas”, e cun formato moi televisivo. De feito retransmitirase en streaming pola canle LaLigaSportTV, quedará o sinal á TVG e tamén á canle da Federación Internacional de Tríatlon que conta na actualidade con 50.000 subscritores.

A competición irá acompañada no sábado pola mañá da celebración do Campionato de España contrarreloxo individual, e pola tarde, comezarán as quendas clasificatorias do ProTour que terán que superar os tramos de nado no Lérez, bicicleta e carreira a pé no ámbito da avenida de Bos Aires e do río. Os cinco últimos deportistas de cada segmento quedarán eliminados.

As semifinais e finais disputaranse na mañá do domingo (o horario está pendente de pechar).

Ademais da axenda oficial da competición, tamén están previstas algunhas actividades paralelas como unha competición para nenos na mañá do sábado ou encontros con escolares na mañá do venres.

A concelleira de grandes eventos deportivos, Anabel Gulías, destacou a cooperación institucional e a importancia que supoñen para Pontevedra as probas de tríatlon, e especialmente, que a Federación teña confiado na cidade para organizar un evento destas características. Agradeceu especialmente o traballo do servizo de Deportes e da Policía, así como a colaboración veciñal a quen convidou a gozar das probas deportivas na beira do Lérez na fin de semana do 12 e 13 de outubro.

O director de competicións da Federación, Jorge García asegurou que Pontevedra é a nosa casa. “É a cidade na que máis eventos temos organizado, pola transversalidade que ten Pontevedra”, indicou, de feito explicou que “este proxecto só podía arrancar en Pontevedra”.

Pola súa banda o secretario xeral para o Deportes, José Ramón Lete destacou que “Pontevedra ten demostrado o coñecemento para o desenvolvemento das probas de tríatlon”.

Percorridos Protour.