As cervexas artesás ‘made in Pontevedra’ arrasan na estrea dun festival Pontebirra que veu para quedarse

179
  • A concelleira Yoya Blanco constata que “máis de 2.500 persoas adquiriron o vaso do evento” e avanza que tentarán “mudar as datas de celebración cara unha época menos fría e chuviosa”

Aínda que as condicións meteorolóxicas non acompañaron demasiado, a primeira edición de Pontebirra, o Festival de Cervexa Artesá de Pontevedra, foi un rotundo éxito de asistencia de público, o que, como avanza a impulsora do evento, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “significa que veu para quedarse”. A socialista constata que “máis de 2.500 persoas adquiriron o vaso” necesario para degustar algún dos 90 tipos de cervexa que se puxeron á venda nas carpas da Alameda, e subliña “o especial interese que despertaron as marcas ‘made in Pontevedra’”.

Blanco destaca que, á marxe das máis que satisfactorias cifras de negocio, “houbo un moi bo ambiente”, coas “mesas cheas” e moitísima xente en pé “tanto o venres como sábado, e mesmo o xoves, que foi un día bastante frío e chuvioso”. Tal e como apunta, a programación do Pontebirra, que incluíu foodtrucks, obradoiros, concertos, charlas e xogos populares, “resultou tremendamente atractiva para tódolos membros da familia”, e os nais e pais amosáronse “moi contentos” coas actividades deseñadas para os máis pequenos.

Esteban Loureiro, voceiro da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns (organizadora do festival), expresou a súa satisfación pola boa acollida dun evento no que se bebeu moita ‘birra’, pero no que tamén triunfou a comida, especialmente as croquetas: “¡Vendéronse moitísimas!”. Segundo indicou Loureiro, Pontebirra converteuse nun escaparate inmellorable para as cervexas fabricadas en casa, xa que “os asistentes preguntaron un montón polas marcas feitas en Pontevedra”. “Trátase dun evento que hai que repetir -asegurou-, pero, a poder ser, en mellores datas, xa que nesta época do ano fai frío”.

Neste sentido, a concelleira de Promoción Económica adiantou a súa intencion de que a segunda edición de Pontebirra “se repita en 2020, con máis stands de cervexa artesá e noutro mes no que o tempo acompañe máis”. “Dinlles a noraboa aos organizadores pola calidade das marcas, polo éxito dos concertos e das sesións ‘Beer-mú’ e polos talleres e xogos infantís, e díxenlles que xa nos podemos poñer a traballar para a edición do vindeiro ano”, engadiu Yoya Blanco.

Ademais de convocar a 13 das 50 marcas de cervexa artesá existentes en Galicia nestes momentos, Pontebirra tamén contou con cervexeiros procedentes de Madrid, León e Ponferrada. Non obstante, máis do 50% dos participantes no festival son de Pontevedra, a provincia galega que máis cervexeiros ten.

No elenco de marcas inclúense Menduíña (Cangas), Silvestres (Pontevedra), The One Beer (Madrid/Sanxenxo), A Cova da Serpe (Lugo), Castreña (Ponferrada), O Corvo (Vilanova de Arousa), Bubela (Lugo), Nasa (Pontevedra), Nós (Vigo), Meiga (Pontevedra), Go! (Madrid), Belecker (León) e La Virgen (Madrid). Entre as tipoloxías máis chamativas que se puxeron á venda destacan cervexas de auga de mar (a Mareira), chile ou licor café.

COMPARTIR