O Concello terá listos para contratación os novos proxectos Edusi no primeiro semestre de 2020

9
  • Trátase de oito proxectos entre os que destacan a senda verde intraparroquial,o mercado de novos creadores da rúa Serra, e o acondicionamento do Centro Sur.

“Marcamos o primeiro semestre de 2020 para ter listos para contratación os proxectos que quedan pendentes da estratexia Edusi” anunciou esta mañá a concelleira responsable dos fondo Edusi, Anabel Gulías. A concelleira explicou que nalgúns caso o procedemento “é bastante sinxelo porque só hai que facer os pregos de contratación” pero que hai outros proxectos “que dependen da actuación doutras Administracións e iso sempre retrasa un pouquiño a posta en marcha”, pero que aínda así “agardamos cumprir este prazo”.

Entre os oito novos proxectos, Anabel Gulías salientou a rede peonil intraparroquial  indicando que “o que pretendemos trazar aquí é esa senda verde que conecte todas as parroquias do concello e que sexa practicable a nivel peonil e ciclista”, e asegurou que “é un proxecto importantíismo e queremos que os fondos Edusi sexan un primeiro chanzo para sacalo adiante”. No mesmo sentido mencionou o mercado de novos creadores e creadoras que “se trataría da rehabilitación dos baixos da rúa Serra para crear un mercado de novas creadoras e creadoras, que hibrida perfectamente coa filosofía do Campus Crea, e pensado para esa zona que xa deu un pulo importante coa rehabilitaición do Mercado para que ese foco da zona histórica teña vida propia”.

Novos proxectos da estratexia Edusi e importes correspondentes:

– Aplicacións tecnolóxicas para a posta en valor, fomento e desenvolvemento do patrimonio histórico-artístico e cultural cun importe de algo máis de 333.000 euros

– Programa de camiños escolares na zona periférica de media densidade con 266.000 euros

– Rede viaria intraparroquial con 200.000 euros.

– Restauración paisaxística medioambiental e patrimonial en espazos naturais fluviais con 600.000 euros

– Implantación dun Plan de Igualdade con 133.000 euros

– Laboratorio de infancia con 133.000 euros

– Mercado de novos creadores mediante rehabilitación de espazos comerciais con 460.000 euros

– Acondicionamento e dotación de espazos e equipamentos no edificio social Centro Sur con 1.540.000 euros

Primeiras solicitudes de pago

Anabel Gulías anunciou, ademais, que o Concello xa está “en condicións de elaborar as primeiras solicitudes de pago”. Explicou que existe un obxectivo coordinado co Ministerio para certificar neste exercicio 3.750.000 euros de actuacións xa realizadas e que, neste sentido “o Concello cumpriu sobradamente porque temos en parrilla de saída a certificación de 3.821.394 euros”

Este importe responde á suma de 200.000 euros correspondentes á potenciación da Administración electrónica e da aplicación móbil para percorrer a Illa do Corvo; 1.870.000 euros da rúa do Gorgullón e da eficiencia enerxética do pavillón da Xunqueira; 990.000 euros da Ponte do Burgo; 7140.000 euros do pavillón da Xunqueira e do Mercado; e con preto de 40.000 euros de gastos de xestión para a asistencia técnica que coordina os fondos.

A concelleira tamén indicou que se lle solicitará ao Estado “que nos deixe axilizar o proceso de solicitude de pago”, posto que as certificacións só admiten un millón de euros por solicitude de pago, o que implica que se terán realizar varias solicitudes. O que pedirá o Concello de Pontevedra é que se abra a plataforma de xeito que se poidan presentar as solicitudes de xeito consecutivo.

Por último, Gulías lembrou os proxectos Edusi que se atopan en trámite. Trátase  do parque forestal da Fracha, pendente do informe de medio rural, do núcleo de centralidade de Tomeza, do pavillón da ONCE, pendente dos pregos, e do proxecto de transporte a demanda.

COMPARTIR