Os traballos de acondicionamento do regato de Mollabao seguen adiante coa colocación dunha malla antiherbas

59
  • Trala retirada de lodos levada a cabo con máquinas retroescavadoras, o servizo municipal de Parques e Xardíns procederá á cobertura do talude con plantas tapizantes como hedras e mióporos

Tralas labores de limpeza e retirada de lodos e lixo levadas a cabo a pasada semana coa axuda de dúas máquinas retroescavadoras, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, proseguiu hoxe adiante co proxecto de acondicionamento integral do regato de Mollabao coa instalación dunha malla antiherbas no seu talude. Esta actuación, desenvolvida polo servizo municipal de Parques e Xardíns permitirá levar a cabo o axeitado axardinamento de toda a zona mediante a cobertura con plantas tapizantes, entre outras, hedras e mióporos.

O proxecto, que conta cun orzamento de 6.000 euros, contempla tanto o desbroce e limpeza en profundidade do leito do regato de Mollabao, no treito que discorre entre o lavadoiro da Fontesanta e a rúa Rosalía de Castro (por debaixo da ponte da autoestrada AP-9), como o acondicionamento de toda a contorna da Casa do Mar e o perímetro do parque de educación vial. Tal e como subliña Iván Puentes, “a falta de que se executen algúns dos traballos máis vistosos, os resultados están a ser excelentes, xa que, dunha zona que se atopaba infestada de silveiras, maleza, lodos, lixo e malas herbas, está a agromar de novo o regato da Fontesanta”. 

As actuacións enmárcanse dentro dun plan máis ambicioso de rexeneración do barrio de Mollabao que xa está a deseñar a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Entre as propostas de Iván Puentes inclúese a posibilidade de converter a pequena parcela situada entre Rosalía de Castro e o parque de educación vial (detrás da parada de autobuses) nunha nova área de lecer axardinada.