Concello e Deputación ratifican o acordo de investimento millonario en Pontevedra para os próximos catro anos

17
  • O alcalde reuniuse coa presidente da Deputación e o vicepresidente para concretar os investimentos na cidade.
  • Entre os proxectos financiables están a reforma de Mollavao, o novo pavillón da Parda ou os accesos ao novo hospital Montecelo.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá unha reunión coa presidente da Deputación provincial de Pontevedra, Carmela Silva, e co vicepresidente provincial e concelleiro en Pontevedra, César Mosquera, para analizar a colaboración institucional do pasado mandato entre ambas institucións e avanzar na do presente en relación ao Concello de Pontevedra.

O marco de colaboración volverá a ser o mesmo con contías similares. Sen necesidade de ter que asinar un protocolo de colaboración, xa que ambas administracións entenden que segue en vigor o asinado en 2015. Polo tanto, irase sucedendo a sinatura de diversos convenios para desenvolver estas colaboracións.

O alcalde explicou que hai proxectos que poderán estar baixo o paraugas destes convenios como a reforma de Mollavao, a construción da rede viaria na contorna de Montecelo para dar servizos ao novo Hospital ou a construción do pavillón polideportivo da Parda, así como outras colaboracións de carácter cultural ou deportiva, tendo en conta que Pontevedra opta ás series mundiais de tríatlon.

Fernández Lores explicou que estes catro anos caracterizáronse por “unha estabilidade” o que permitiu que o Concello puidera planificar con anticipación os proxectos que podía desenvolver ao amparo deste acordo.

A presidenta provincial, Carmela Silva, manifestou que a de hoxe é unha reunión “imprescindible” dada a relevancia que ten a cidade de Pontevedra dentro da provincia. Destacou o trato de lealdade institucional dos pasados catro anos “que é algo que non é habitual, aínda que debera selo”, e garantiu a mesma liña de traballo que nos pasados catro anos.

COMPARTIR