Medio Natural executa a poda dos eucaliptos de maior tamaño nas inmediacións da praia fluvial

20
  • O socialista Iván Puentes supervisou a marcha dos traballos, que realizan operarios da empresa Arbogal mediante o sistema de trepa

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa a execturar traballos de poda de eucaliptos e outras árbores invasoras (como acacias) nas inmediacións da praia fluvial e da parte máis urbana da senda fluvial. O responsable do departamento municipal, o edil socialista Iván Puentes, realizou unha visita á zona para supervisar as actuacións, que executa a empresa Arbogal cun orzamento duns 18.000 euros e que motivaron o corte do vial de baixada da estrada de acceso ao barrio de Monte Porreiro.

Segundo informou Iván Puentes, “as podas destes eucaliptos próximos á estrada, que son os de maior tamaño, prolongaranse durante a xornada do xoves”, polo que o vial podería abrirse de novo á circulación o venres, salvo que a empresa precisase tamén a xornada do venres.
Unha vez rematada a eliminación de especies invasoras, Medio Natural realizará a plantación de árbores autóctonas de ribeira.