A segunda edición de PonteFogar traerá á cidade as últimas tendencias en decoración, mobiliario, alimentación e servizos para a casa

224
  • Yoya Blanco agarda que o salón, que abrirá as súas portas no Recinto Feiral o vindeiro 18 de outubro con máis de 40 expositores, supere a cifra de 8.000 visitas que acadou o ano pasado

O Recinto Feiral de Pontevedra volverá converterse por segundo ano consecutivo nun enorme escaparate das últimas tendencias en decoración, mobiliario, alimentación e servizos para a casa coa celebración dunha nova edición de PonteFogar. O salón, impulsado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, abrirá as súas portas ao público con máis de 40 expositores do venres 18 ao domingo 20 de outubro.

A edil do PSOE presentou hoxe o evento na Casa da Luz acompañada por representantes de dúas das firmas expositoras: Patricia Alvariñas, directora da área comercial de Maderas Xeve, e Manuel Tomé e Silvia Rey, responsables de Novo Stylo Mobiliario. Blanco agarda que esta segunda edición de Pontefogar “poida superar incluso as tremendas cifras de asistencia que rexistrou en 2018, no que evento foi visitado por unhas 8.000 persoas”. 

“Os que se acheguen nesas datas ata o Recinto Feiral -subliñou- poderán atopar, nunha mesma superficie, unha exposición de 5.000 metros cadrados cunha amplísima variedade de produtos para o fogar a un prezo moi bo. Se os pontevedreses non atopan alí o que precisan para as súas casas, dificilmente o atoparán noutro lugar”. 

O salón, organizado por Diario de Pontevedra e patrocinado por Eroski, abrirá as portas o venres 18 de outubro dende as 17.00 até as 21.00 horas, mentres que tanto o sábado 19 como o domingo 20 o horario será de 11.30 a 21.00 horas de xeito ininterrumpido.

Yoya Blanco fixo fincapé no feito de que, como ven acontecendo en tódolos eventos promovidos pola Concellería de Promoción Económica, “PonteFogar contará cunha zona de inchables para que os visitantes máis pequenos poidan pasalo en grande mentres os maiores percorren os distintos expositores”.

O prezo xeral da entrada ao salón é de dous euros, se ben resulta posible obter un desconto de 50 céntimos na mesma presentando un bono que se publicará no facebook de Diario de Pontevedra ou enviando un whatsapp coa palabra cupón ao número 651829708. Asemade, a entrada permitirá participar no sorteo de seis vales por valor de 100 euros (dous diarios) para gastar nos máis de 40 expositores da feira.

Un 70% dos expositores son de Pontevedra

A concelleira de Promoción Económica destacou o feito de que “arredor dun 70% das empresas expositoras son da provincia de Pontevedra”, se ben o salón contará con firmas procedentes de diferentes puntos de España (León, Barcelona, Valencia, Madrid…) e mesmo de Portugal.

Silvia Rey, da empresa Novo Stylo, que xa participou na primeira edición de PonteFogar e que conta con cinco tendas en A Coruña, Marín, Vigo e Barro, avanza que “a maiores das promocións habituais dos folletos, ofreceranse descontos especiais”. Pola súa banda, Patricia Alvariñas, agarda que o público poida coñecer e probar as briquetas de Maderas Xeve, “as únicas feitas de madeiras duras como o carballo”, e levarse de regalo “unhas tarxetas de desconto que poderán empregar ata final de ano, cos mesmos prezos da feira”.