Comeza unha campaña informativa sobre a recollida selectiva do comercio e da hostalería no centro histórico

13
  • A Concellaría que xestiona os residuos e limpeza viaria, entregará un folleto lembrando os servizos “porta a porta” de cartón e vidro implantados no centro histórico dende 2008 para a actividade comercial.
  • A campaña pretende contribuír a incrementar os estándares de recollida selectiva na cidade, unha das liñas de traballo do programa Efecto PO2.

O Concello de Pontevedra inicia hoxe unha campaña informativa entre a hostalería e comercio da zona monumental para recordarlles os servizos de recollida selectiva de “porta a porta” de cartón e vidro que están implantados en toda a zona. Esta nova campaña, que terá continuidade nas vindeiras semanas no resto da cidade, pretende acompañar ás boas cifras de reciclaxe que ten a cidade e, no caso do posible, incrementalas, polo que é fundamental incidir no ámbito do comercio e a hostalaría.

A empresa concesionaria da recollida de lixo, Ferrovial Servizos, entregará un folleto a cada establecemento da zona monumental no que se recorda en que consiste a recollida porta a porta de cartón e vidro implantado en Pontevedra no ano 2008. Nos dous casos trátase dun servizo de balde, que asume o coste o Concello, e destinado en exclusiva a todos os locais con actividade económica, especialmente, hostalería e comercio.

No caso do cartón, lémbraselles que deben pregar e apliar os residuos de cartón e papel diante da porta do seu establecemento. É un servizo que se desenvolve de luns a sábado entre as 21.00 e ás 00.00 horas.

No caso do vidro, a recollida selectiva é os martes, venres e sábado a partir das 22.30 horas. Será a propia empresa concesionaria a que entregue un colector a todos aqueles establecementos que non dispoñan del, para acumular este tipo de resto.

Os folletos irán acompañados dos percorridos que segue o camión de recollida polo centro histórico: tanto o que fai a recollida de vidro como o de cartón.

A concellaría de residuos, que xestiona Raimundo González Carballo, quere incrementar os estándares de recollida selectiva na cidade, para o que é fundamental a colaboración do sector da hostalería e do comercio, e seguir a senda marcada pola estretaxia do programa Efecto PO2 que centrará a acción municipal no presente mandato.