O programa de logopedia da AECC ‘Volver Falar’ atende a preto de 50 persoas larinxectomizadas ao ano

87
  • A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, aproveitou unha visita á sede da Asociación para subliñar “o labor esencial deste servizo”, ao que o seu departamento destina 9.000 euros anuais 
  • A edil socialista estará mañá na Praza da Ferrería para participar no acto organizado polo colectivo pontevedrés con motivo do Día Mundial da Loita Contra o Cancro de Mama

O programa da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) ‘Volver Falar’, desenvolvido grazas a un convenio de colaboración coa Concellería de Benestar Social, atendeu o ano pasado en Pontevedra a 46 persoas larinxectomizadas. A edil socialista Paloma Castro aproveitou hoxe unha visita ás instalacións que a AECC ten na rúa Augusto González Besada para salientar “o labor esencial que presta este servizo de logopedia”, ao que o seu departamento destina unha achega de 9.000 euros anuais.

Castro participou nun encontro coa presidenta da Asociación en Pontevedra, María Josefa Crespo; unha voceira do colectivo, María del Carmen Abeledo; a tesoreira da AECC, Pilar Iglesias, e o seu xerente, Adolfo Santos. No transcurso da reunión, Crespo colocoulle no pulso á concelleira de Benestar Social unha pulseira reivindicativa do Día Mundial da Loita Contra o Cancro de Mama, que se celebrará o sábado 19 de outubro. A AECC organizou para mañá, co gallo desta xornada, un acto conmemorativo que terá lugar ás 12.00 horas na Praza da Ferrería e que contará coa asistencia da edil do PSOE.

Paloma Castro ratificou o compromiso e colaboración do Concello “con toda canta actividade e evento desenvolva esta Asociación, cuxo labor suple algunhas carencias do sistema sanitario a nivel preventivo e paliativo, fundamentalmente no eido psicolóxico, tanto na atención dos pacentes fóra dos centros hospitalarios como na atención ás súas familias”. “O traballo que levan a cabo é se cabe aínda máis encomiable se temos en conta que prestan os servizos de xeito gratuíto, polo que merecen todo o recoñecemento e publicidade dende as institucións”, afirmou a concelleira.

Castro mantivo hoxe un encontro coa equipa directiva da AECC en Pontevedra.

Castro lembrou que o compromiso do Concello tradúcese no respaldo a proxectos de carácter deportivo como a ‘Marcha Andar ou Correr Contra o Cancro’ (que conta co apoio económico e loxístico da Concellería de Deportes) e na subvención de servizos tan importantes como o de logopedia, impulsado dende Benestar Social. Tal e como explicou, o programa ‘Volve Falar’, que en 2018 permitiu realizar 509 intervencións individuais e 646 de carácter grupal, é posible grazas a un convenio de colaboración que abrangue un período de cinco anos, de 2017 (ano no que se atendeu a 40 persoas larinxectomizadas) a 2023.

A socialista ten moi claro que, dada a súa boa acollida e funcionamento, “o programa da AECC vai seguir contando co apoio financieiro incondicional do Concello de Pontevedra”.