A elite do bádminton nacional dáse cita esta fin de semana no III Trofeo Cidade de Pontevedra

11
  • O Estadio da Xuventude acolle o sábado, a partir das 10.00 horas, este evento puntuable para o ránking nacional, no que participarán uns 100 xogadores de oito clubes galegos
  • A competición contará con figuras como o número tres nacional Manuel Brea, a subcampiona de España Ana Carbón, o campión europeo Pablo Sanmartín e a promesa Darío Míguez

A elite do bádminton nacional medirase esta fin de semana nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) na III edición do Trofeo Cidade de Pontevedra da disciplina, organizado pola Federación Galega de Bádminton e o Club Ravachol grazas á colaboración da Concellería de Deportes. Uns 100 xogadores pertencentes a oito equipas de toda Galicia participarán neste evento, que se disputa en categorías Sub 11 e Absoluta e que é puntuable para o ranking nacional con tres estrelas (a máxima puntuación para este tipo de competicións, só por debaixo dos másters).

O Trofeo Cidade de Pontevedra 2019 foi presentado no Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a deputada provincial socialista Olga García Ballesteros; o director do CGTD, Jesús López; o presidente do Club Bádminton Ravachol, Jesús Pereiro, e o xogador Manuel Brea, gañador da edición anterior e número tres do ranking estatal. Segundo explicou o edil socialista, o evento disputarase o sábado 19 de outubro no Estadio da Xuventude a partir das 10.00 horas, “en categoría Absoluta, nas modalidades individual masculina e feminina, dobres masculina e feminina e dobres mixta, e en Sub 11 nas individuais masculina e feminina e dobres mixta”.

Tino Fernández subliñou a relevancia dunha competición “que forma parte do calendario nacional e que contará con figuras da talla do propio Manuel Brea ou de Ana Carbón, tamén vencedora o ano pasado, quinta de Europa e actual subcampiona de España Júnior (ámbolos dous xogadores da primeira equipa do Ravachol Pontevedra)”. “O traballo que o club da nosa cidade está a facer no ámbito do deporte base e as categorías inferiores -afirmou o tenente de alcalde- é importantísimo”.

Tal e como apuntou Jesús Pereiro, o torneo desta fin de semana, no que tamén participarán “deportistas júnior destacadas a nivel internacional, como Lucía Rodríguez, do CB As Neves, e Ania Setién, do CB Cíes”, suporá o regreso ás pistas de Pablo Sanmartín, Campión de Europa e catro veces Campión de España, “que esta tempada volve á competición tras catro anos vestindo a camiseta do Ravachol”. “En categoría Sub 11 teremos a algúns dos mellores deportistas promesa de España, destacando Darío Míguez, do Club de Bádminton A Estrada, que é o número un do ránking nacional”, engadiu Pereiro.

Os organizadores do evento deportivo, que tamén contan coa colaboración da Deputación, farán entrega de trofeos e medallas aos catro primeiros clasificados de cada modalidade. Jesús López fixo fincapé no “gran futuro” dun deporte “moi atractivo de xogar e de ver”, mentres que a Olga García Ballesteros lembrou a importancia da representación feminina nunha disciplina na que, como sucede noutros aspectos da vida, as mulleres sempre teñen que “loitar máis”, e na que Carolina Marín axudou a romper tódolos teitos.

COMPARTIR