O Concello subvencionará os plans de ordenación da Mancomunidade de Montes

14

O programa Monte Vivo elevado a PO2 foi o protagonista da xuntanza mantida onte entre representantes da Mancomunidade de Montes de Pontevedra e o concelleiro responsable de Montes e Parques Forestais, Alberto Oubiña. Na xuntanza, o edil expuxo as liñas de traballo do programa, profundizando na que se centra nas relacións coas Comunidades de Montes e, neste ámbito, o principal acordo foi de elaborar un convenio entre Concello e Mancomunidade para subvencionar os plans de ordenación.

Oubiña lembrou que os plans de ordenación do monte son responsabilidade das propias Comunidades, que están obrigadas por lei a contar con este recurso, pero que a súa posta en marcha ten tamén un grande interese para o Concello “porque ter un monte ordenado vai redundar nun beneificio xeral porque ter o monte recuperado, ter o monte producindo, ter o monte para vivir, ao final redunda en beneficio dos veciños e veciñas da cidade e das parroquias” asegurou.

Alberto Oubiña tamén se referiu ás vantaxes de elaborar e poñer en marcha estes plans conxuntamente a través da Mancomunidade en vez de facelo individualmente. “Se se fai globalmente desde a Mancomunidade podemos poñer en relación as Comunidades que que lindan, pódese poñer determinados condicionantes e estruturas que as van benificiar a todas” explicou o concelleiro. Este convenio dará apoio aos plans de ordenación de 11 Comunidades de Montes, toda vez que a de Mourente xa o ten, e as de Marcón e Campañó o están elaborando neste momento. Estas 11 Comunidades xestionan arredor de 1.250 hectáreas.

A xuntanza de onte tamén serviu para afianzar o traballo xa realizado na anterior edición do programa Monte Vivo e dar conta das novas liñas de traballo, que ademais das relacións coas Comunidades de Montes, tamén contemplan dous novos parques forestais, o da Tomba e o da Fracha, que se unen ao do Pontillón, e a creación de sendas forestais e parroquiais, que se unirán nunha gran senda intraparroquial. Sobre esta liñas de traballo, Alberto Oubiña salientou que “a relación coas Comunidades de Montes, ademais de ser unha liña propia, ten a particularidade de que é transversal ás outras dúas, polo que o traballo conxunto e o apoio mutuo é esencial”.