O despregue de composteiros individuais continúa a vindeira semana por Salcedo

62

O despregue dos composteiros individuais no rural continuará cunha nova fase a vindeira semana co reparto porta a porta nos lugares de Salcedo nos que xa se realizaran as charlas informativas o mes pasado (hai que lembrar que esta parroquia fora dividida en dúas quendas debido ao seu tamaño). Tamén para a vindeira semana se programan as charlas informativas para os lugares restantes. 

Así o fixo público o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, quen aproveitou para informar da marcha do reparto de composteiros na parroquia de Tomeza. Por ser a primeira parroquia na que se pon en marcha este proxecto é, segundo indicou Oubiña, “unha parroquia en situación de probas”, e na que a valoración do desenvolvemento da experiencia “é moi positiva”. O concelleiro indicou que neste momento o reparto xa chegou ata o 50% das vivendas, mentres que na metade restante aínda non se repartiu “por unha casuística moi variada”. Entre esta casuística citou unha pequena porcentaxe de viviendas que rexeitaron o composteiro, que situou nun 6 ou 7%; así como erros nalgúns enderezos e persoas ausentes dos domicilios no momento da visita. Sobre estes dous últimos casos, o concelleiro afirmou que se repetirá o reparto ata corrixir os desaxustes.

En canto ao reparto en Salcedo, Oubiña indicou que se seguirá o procedemento que xa se puxera en práctica en Tomeza, isto é, as primeiras entregaos realizaranse nas viviendas das persoas que xa acudiran as charlas informativas previas e que o solicitaran mediante formulario. Posteriormente, continuarase polo resto das vivendas, ata completar o total da parroquia. En ambos casos, as veciñas e veciños deben cubrir e asinar o formulario de aceptación e compromiso de participación no proxecto de compostaxe doméstica.

O composteiro será entregado gratuitamente na vivenda e uns días despois, persoal técnico da Fruga visitará a vivenda para unha charla na que explicar o funcionamento da compostaxe, o tipo de residuos que poden ser compostados, ou como atopar estruturante nas propias leiras. Esta primeira visita forma parte dun programa de seguimento mediante o cal se prestará apoio personalizado e se irán resolvendo as dúbidas puntuais que poidan ir xurdindo no proceso da compostaxe doméstica.

En canto á nova quenda de charlas informativas, o luns 21 está convocada a veciñanza da Igrexa e do Xistro (na Casa Verde), o martes 22 os residentes en Cabanas (no local de Cabanas), o mércores 23 a veciñanza de Matalabos, Ponte do Couto e Carballo do Pazo (na Casa Verde), o xoves será a quenda dos residentes en San Brais, a Ruibal e A Almuíña (na Casa Verde), e o venres os da Carballeira (no local de Cabanas). Todas as sesións darán comezo ás 20:15h.

A convocatoria para acudir a estas charlas estase realizando por carta, tamén porta a porta, e nelas abordaranse cuestións como o modelo de xestión do lixo, composición da bolsa, beneficios da compostaxe, obrigas legais, como compostar na casa, que se pode botar e que non, ou labores de mantemento.