Pontevedra analisa o futuro da mobilidade urbana en Porto

11
  • A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías participou nesta xornada organizada polo Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade e a Rede de Cidades e Vilas de Excelência de Portugal.
  • A cidade volverá a ser obxecto de estudo no foro que organiza a Fundación Rosa Luxemburgo en Bruxelas este domingo.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías participou esta tarde na Conferencia Internacional “O futuro da mobilidade”, celebrada no Centro de Congressos da Alfândega do Porto, como cidade convidada no panel “As cidades e o planeamento da mobilidade urbana sustentábel”. O convite chega da man da presidenta do Instituto de Cidades e Vilas com Mobilidade, Paula Teles, e do coordinador nacional da Rede Cidades e Vilas de Excelência, Pedro Ribeiro da Silva.

Ademais de expoñer os principais parámetros da campaña Efecto PO2 que impulsa o Goberno Local dende este mandato e as actuacións de éxito realizadas durante os últimos 20 anos e que converteron a Pontevedra nun referente mundial de calidade de vida, os asistentes ao congreso amosáronse interesados en como solventar as reticencias de poñer en marcha medidas que -a priori- poden non ser respaldadas por toda a cidadanía ou na determinación política de levar adiante estas actuacións.

Anabel Gulías aclarou a este respecto: “A discrepancia non pode ser unha escusa para non actuar. Hai que ter valentía para escoitar e, sobre todo, para actuar”.

A concelleira de Promoción da Cidade estivo acompañada nesta xornada do concelleiro do rural, Alberto Oubiña co que viaxará a Bruxelas para participar este domingo, 20 de outubro, no foro sobre alternativas ao sistema de automóbiles en centros urbanos, titulado “Movemento Urbano! Conectando resistencias e alternativas”, un convite que chegou da Fundación alemá Rosa Luxemburgo.

COMPARTIR