Comezan as obras do novo abastecemento de Marcón

4

A portavoz de Goberno Local, Anabel Gulías, informou esta mañá do inicio das obras da ampliación da rede de abastecemento na parroquia de Marcón. Un proxecto que, segundo lembrou, ten un investimento de 4.337.626, 97 euros e un prazo de execución de 24 meses. 

Este abastecemento atenderá a 448 vivendas dos lugares de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba, A Barcia, A Cardosa, Ría de Abaixo, Freixeiro, A Raxeira e Moldes. Neste proxecto quedan excluídos os lugares de Pintos e A Peralba ao atoparse en cotas máis altas que o depósito de Castrosenín.

Anabel Gulías tamén explicou que ao longo de toda a obra está previsto asfaltar todo o ancho do viais municipais, e que nos viais de dobre sentido con diferenciación de carril, arcén ou aparcadoiro, se levará a cabo o fresado e asfaltado da zona afectada correspondente. Ademais nas zonas nas que a obra se execute fóra do vial, reporase con terra vexetal onde sexa preciso, e nos cruzamentos ou zonas de afección que teñan formigón, procederase á súa reposición. 

Por último, todas as canalizacións irán soterradas en zanxas, recheas con material de préstamo ou procedente da propia excavación.