Loureiro Crespo e o barrio do Castañal estrearán medidores de Efecto PO2

75

A reforma da rúa Loureiro Crespo e do barrio do Castañal levará aparellada unha experiencia piloto para medir obxectivamente a mellora da calidade de vida tras a intervención nesta área. Así o anunciou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías indicando que esta experiencia se enmarca na filosofía de “trasladar o significado do Efecto PO2 á cidadanía”, que definiu como “sinónimo de calidade urbana, de calidade ambiental, e de calidade en xestión de residuos e de xestión de recursos hídricos”. 

O que se pretende conseguir con este proxecto experimental é contar, segundo explicou a concelleira, con datos de antes e despois de cada intervención para “facer tanxible o Efecto PO2 e poder aprecialo”. Para acadalo xa se colocaron aforadores para recoller os datos da densidade do tráfico e das emisións de CO2 antes das obras de reforma, e poder comparalas cos que se recollan despois da intervención. O mesmo se pretende facer coa cuantificación da contaminación acústica e lumínica. Para isto, Anabel Gulías asegurou que se están solitando orzamentos a empresas homolagadas para realizar esta medicións, co obxecto de recoller datos en dous momentos diferentes do día e varios días á semana e poder comparalos cos de despois da intervención. Indicou que tamén se están solicitando orzamentos para medir a calidade do aire, e que se fará un seguimento do volume de poboación que vive no barrio a través do Padrón, ao tempo que se está valorando a posibilidade de realizar un censo de actividade económica. Para levar a cabo esta experiencia piloto, o Concello destinará un orzamento aproximado de 20.000 euros. 

Anabel Gulías lembrou que “este é o mandato dos barrios”, no sentido de que responde á demanda dos pontevedreses e pontevedresas de “extender a transformación urbana aos barrios da cidade”. Así, asegurou que a intervención en Loureiro Crespo e no barrio do Castañal “é unha das obras máis ambiciosas na que imos traballar en toda a cidade, con 2,9 millóns de euros, que é unha cantidade moi importante para que toda a zona teña as condición optimas de calidade urbana e se note de forma significativa o Efecto PO2”. Por último, Gulías asegurou que este primeiro proxecto vai encamiñado a deseñar a metodoloxía máis axeitada para medir o impacto da transformación e que o óptimo sería poder aplicala a todas as intervencións urbanas que se fagan no futuro.

COMPARTIR