Promoción Económica e Hoempo impulsarán a creación dunha lanzadeira de proxectos de hostalaría

11
  • O colectivo empresarial presidido por Víctor Pampín coordinarase coa asociación provincial de Hostalaría de Pontevedra e o Concello para a organización de cursos de formación para profesionais

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe Yoya Blanco, impulsará a proposta da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) e o colectivo provincial de Hostalaría de Pontevedra para xerar unha lanzadeira de proxectos de empresas e profesionais do sector. A idea de poñer en marcha esta iniciativa foi plantexada hoxe nun encontro que a edil do PSOE mantivo na Sala de Xuntas do Concello co voceiro da entidade provincial (con sede en Vigo), César Sánchez-Ballesteros; o presidente de Hoempo, Víctor Pampín, e os membros do colectivo pontevedrés Ángel Sorey e Alexandra Garrido.

No transcurso da reunión, os hostaleiros comunicáronlle a intención de que Hoempo una forzas co colectivo de Hostalaría de Pontevedra e o represente na nosa cidade. Asemade, ambos colectivos contarán coa axuda da Concellería de Promoción Económica para organizar cursos de formación destinados a profesionais do sector, en especial no que atinxe á ámbitos nos que existen carencias, como primeiros auxilios, reanimación cardiopulmonar ou prevención e extinción de incendios en espazos de risco como as cociñas.

Yoya Blanco amosouse convencida da gran utilidade e efecto dinamizador que tería a creación dunha lanzadeira de proxectos, “que en principio sería non tanto de incubación como de aceleramento, é dicir, para iniciativas en fase de desenvolvemento”. “Os profesionais sempre teñen moitas dúbidas sobre cuestións vencelladas a permisos e licencias, e esta lanzadeira actuaría no eido da mentorización e a selección de proxectos, ao tempo que podería aproveitar as sinerxias e funcionar como coworking”, indicou a concelleira de Promoción Económica.