Pontevedra garante o subministro de auga a Marín tras a rotura dunha tubaxe na galería de servizos

23

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, informou que se está subministrando auga a Marín por bombeo a través da canalización do proxecto de Acuaes. Esta é a solución adoptada temporalmente tras a avaría que se produciu o xoves na galería de servizos á altura das Corvaceiras, e que afectou a unha tubaxe de 500mm que subministra auga en alta aos concellos de Bueu e Marín.

Carme da Silva explicou que a útlima hora da mañá do xoves cederon 12 metros de canalización liñal dentro da galería de servizos e que, polas dificultades de reparar as tubaxes dentro da galería, se optou por anular un tramo de 150 metros de canalización. Este tramo será substituído por unha nova canalización que se instalará por fóra da galería desde as Corvaceiras ata a rotonda de San Roque, onde se empalmará cun tramo que xa fora cambiado con antelación. 

Esta obra ten unha previsión de entre 15 e 20 días e neste intervalo de tempo utilizarase a canalización de Acuaes que, segundo explicou a concelleira “unha das cousas que contemplaba o proxecto era garantir o subministro en alta se pasaba algo na canalización da galería”.

Da Silva tamén informou que a avaría se produciu porque cederon soportes de fixación das tubaxes e que se está investigando cal foi a causa pola que fallou a suxección. Tamén lembrou que precisamente a subsititución destes soportes estaba contemplada nas actuacións de mellora que se están levando a cabo para alongar a vida útil da galería de servizos.