Prazas esgotadas para o curso de aprendizaxe creativo con zanfonas en Lérez

31

As II Xornadas Zanfonas Abertas que terán lugar os días 1 e 2 de novembro na casa da Cultura de Lérez inclúen unha xornada de práctica e aprendizaxe creativo con este instrumento que xa completou as 25 prazas ofertadas. As persoas participantes proceden de toda Galiza, máis de Euskadi, Madrid e Portugal. O número de participantes vinculouse ao número de instrumentos dispoñibles, mais por tratarse dunha formación que habitualmente non se atopa no mercado, o número de persoas solicitantes duplicou o número de prazas ofertadas.

Estas xornadas, organizadas pola Asociación Cultural ‘Gaiteiros das Rías Baixas’, comezan o venres cunha charla coloquio, na que participarán Jesús Reolid (Madrid), importante constructor e recuperador de instrumentos de corda e antigos; Germán Díaz (Valladolid), músico zanfonista de reconocido prestixio a nivel mundial; e Carlos do Viso (Redondela), mestre zanfonista e luthier. Dará comezo ás 20h e a entrada será libre.

Na xornada do sábado, en horario de 9:30 a 20:30 h, terá lugar o curso de práctica e aprendizaxe creativo con zanfonas a cargo do Mestre Carlos do Viso, asesor docente e musical da Asociación. Nesta actividade só poderán participar as persoas inscritas previamente.

As xornadas, que nesta segunda edición están dedicadas á muller zanfonista, teñen como obxectivo dar a coñecer o eido e as posibilidades da zanfona, así como a súa vinculación coas Rías Baixas e coa cidade de Pontevedra, na que as zanfonas existentes no Museo de Pontevedra sirven de estudo e análise a diferentes investigadores e constructores.

“Zanfonas Abertas” é unha iniciativa apoiada pola Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra, e que pretende erixirse nun punto permanente de práctica e aprendizaxe en Pontevedra vinculando a cidade do Lérez dun xeito directo cun instrumento que é historia propia como demostran os fondos do Museo capitalino.