Os escolares de Pontevedra sumérxense no mundo da auga a través das personaxes de Aquoloxía

55
  • Os colexios Vilaverde, Marcos da Portela, San José, Santo André, San Martiño, Lourizán, Parada e Marcón confirmaron a súa participación na iniciativa impulsada polo Concello e Viaqua

Concienciar aos escolares de Pontevedra sobre a importancia da auga e do medio ambiente e achegarlles o coñecemento dos ciclos naturais e urbanos da auga son os principais obxectivos do programa Aquoloxía, impulsado pola empresa Viaqua e a Concellería de Educación. A iniciativa, destinada a alumnos de terceiro curso de Primaria, permitiralles aos rapaces sumerxerse no mundo da esencial sustancia líquida a través de recursos educativos dixitais e interactivos, dun xeito divertido, da man de cinco personaxes de ficción.

O concelleiro de Educación, o socialista Tino Fernández, explica que os escolares “realizarán actividades prácticas nas que serán parte activa do desenvolvemento dun conto, xogando a descubrir cuestións como o consumo de auga, o funcionamento da rede de transporte da auga ou a xestión da mesma nunha cidade, reflexionando sobre como evitar que se manche a auga e mesmo experimentando técnicas de laboratorio para analizala e limpala”. “Os rapaces -sinala o edil do PSOE- coñecerán a Minerva, Qualo, Vitrubio, Clara e Salvador, personaxes que aproveitan os recursos dixitais das aulas para incentivar o seu interese en torno ao ciclo urbano da auga. Os mestres, pola súa banda, dispoñen dunha interesante ferramenta didáctica”.

A actividade desenvolverase en sesións dunha hora de duración e estruturadas en tres partes: unha benvida, na que as personaxes se presentan e expoñen as súas curiosidades; un vídeo interactivo que explora os coñecementos previos dos alumnos e lles invita a interactuar, e a realización de experimentos nos que porán en práctica de xeito divertido as leccións aprendidas sobre a auga.

O calendario de Aquoloxía para o curso 2019/2020 iniciarase o vindeiro luns 4 de novembro con dous grupos de 25 rapaces do colexio Vilaverde (Mourente) e outro do CEIP Marcón. O martes 5 de novembro a actividade trasladarase ao CEP Marcos da Portela (outros dous grupos de 25 alumnos) e o mércores 6 aos CEIP Parada (Campañó) e Santo André de Xeve, coa participación de 14 e 21 escolares respectivamente.

Pecharán esta quenda, na que participarán uns 230 estudantes, os colexios San Martiño (un grupo 25 rapaces), Lourizán (outro de 19) e San José (26).