A iniciativa de apoio ás vítimas de violencia de xénero ‘Percorrido á Liberdade’ inaugura o programa de actos organizados por Igualdade con motivo do 25N

200
  • Entre as actividades previstas inclúese a adhesión á campaña Pontevedra en Negro, a entrega dos Premios Ernestina Otero, un monólogo de Baia Fernández e o pase da obra As Pementeiras
  • Na programación, que terá o seu acto central o 25 de novembro na Ferrería, tamén se inclúen a exhibición fotográfica ‘Desmontando o amor romántico’ e un curso de autodefensa para mulleres

A campaña ‘Percorrido á Liberdade’, destinada a axudar ás vítimas de violencia de xénero a coñecer o itinerario cos pasos que deben seguir cando se denuncian casos de agresión ou abuso, inaugurará o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade con motivo do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. O proxecto, que se porá en marcha o luns 11 de novembro, contempla a instalación de publicidade en mupis e o reparto de carteis e folletos informativos en centros de saúde, hospitais, comercios, centros sociais e outros edificios públicos.

As actividades foron presentadas no Concello pola concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, acompañada pola directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos, e a axente de igualdade do CIM Mercedes Renda. O programa terá continuidade o día 14 de novembro pola mañá no Teatro Principal, que será escenario dun monólogo protagonizado pola escritora e actriz Baia Fernández e do acto de entrega dos Premios Ernestina Otero, cos que se pretende galardoar os mellores proxectos a prol da igualdade desenvolvidos polos centros de Educación Infantil e Primaria e Educación Secundaria do municipio (hai dúas categorías). O evento é de carácter gratuíto e está destinado ao alumnado de colexios e institutos.

Cartel da campaña ‘Percorrido á Liberdade’.

Segundo explicou Paloma Castro, o Concello de Pontevedra tamén se adheriu á campaña ‘En Negro Contra as Violencias’, baixo o lema ‘Pontevedra en Negro’, que comezará a facerse visible a partires do 18 de novembro mediante o reparto de carteis, camisetas e mandís, así como doutro material divulgativo, entre comercios, establecementos de hostalería e centros educativos. No marco da mesma, presentarase unha unidade didáctica de prevención da violencia de xénero baseada no libro Invisibles e, entre o 19 e o 25 de novembro, desplegarase unha pancarta na Casa Consistorial.

Cartel da campaña ‘Pontevedra en Negro’.

Para o día 21 de novembro está prevista a presentación dunha exposición fotográfica baixo o título ‘Desmontando o amor romántico’, na que participan diversas artistas galegas e que terá un carácter itinerante (por institutos, parroquias, centros culturais…), cunha instalación inicial na contorna Ferrería. O 23 de novembro ás 21.00 horas celebrarase no Teatro Principal un pase da obra teatral Pementeiras, aberta ao público en xeral e con entrada de balde ata completar aforo. 

Cartel da obra teatral Pementeiras.

A Praza da Ferrería acollerá o acto central organizado para o 25 de novembro, no que se pretende implicar aos estudantes dos centros educativos de Pontevedra. Tal e como indicou Paloma Castro, o programa pecharase o sábado 30 de novembro na Sala Almofrei da Casa Azul coa celebración dun curso de autodefensa con prazas limitadas para mulleres de tódalas idades: “As interesadas poden inscribirse dende hoxe mesmo a través do teléfono 986 86 48 25 ou do email igualdade@pontevedra.eu. Estará impartido por especialistas da Federación Galega de Loita e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.

Protocolo de coordinación contra agresións e abusos sexuais

A concelleira de Igualdade e a directora do CIM lembraron que a Mesa da Violencia Contra a Muller do Concello está a avanzar no deseño dun protocolo que permita unha coordinación coa Policía e cos profesionais que traballan nos centros sanitarios á hora de atender os casos de abusos ou agresións sexuais. Rosa Campos asegurou que as técnicas do CIM están a notar “un incremento importante do número de mulleres que son vítimas de violencia”, en especial neste contexto “no que se están a difundir mensaxes que empoderan aos maltratadores”. “No CIM estamos saturadas de denuncias de mulleres de tódalas condicións: xóvenes, adultas, traballando, en paro…”, constatou.

Na súa opinión, aínda que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están a dar unha boa resposta, “a Xustiza é a pata que coxea”, xa que “centra a violencia de xénero nun feito probado e, polo tanto, desnaturaliza esa violencia”. Campos considera que os Xulgados “non están a dar respostas axeitadas á violencia de xénero” e que os menores “seguen a ser invisibles, xa que, se ben son vítimas de violencia en base á lei, non teñen dereitos: os seus pais seguen tendo acceso a visitas, aínda cando as nais denuncian que teñen medo e nin sequera existe un seguemento das mesmas”.

Por outra banda, trala campaña audiovisual realizada durante as festas para previr as agresións e abusos sexuais, Paloma Castro avanzou que a Concellería de Igualdade impulsará a proxección dun novo vídeo enfocado á xuventude, “neste caso, para poñerlle freo ás violacións que se producen en citas”.