A recuperación integral da zona vella avanza coa reforma das rúas San Martiño e Eirado de Alvar Páez

10
  • O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, espera ter practicamente rematadas todas as actuacións pendentes no casco histórico para final de mandato

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda acompañado por técnicos municipais, visitou esta mañá as obras de reforma das rúas San Matiño e Eirado de Alvar Páez, coas que se completa a mellora da área traseira do Campiño. Tras a visita, Moreda asegurou que a obra “está nun estado avanzado” e que espera que estea rematada para final de ano.

O concelleiro aproveitou a visita para anunciar que tras esta actuación quedarían pendentes intervencións en 10 rúas e espazos públicos no casco histórico e que “pouco a pouco imos avanzando e esperemos que neste mandato se non están todas, que falte unha como moito para acabar de recuperar a zona monumental de Pontevedra”.

Coa actuación no  Eirado de Alvar Páez e en San Martiño dáse solución a un espazo que quedara obsoleto con respecto aos estándares de mobilidade urbana do Concello de Pontevedra, incorporando os necesarios parámetros de accesibilidade para todo tipo de persoas. Na intervención estanse renovando todos os servizos, polo que se renovará toda a rede de abastecemento de auga e procederase á instalación da rede separativa de pluviais e fecais. Todo o espazo levará un pavimento de bandas de pedra de 10 centímetros con bordes de chapacuña, seguindo a liña estética do resto das rúas da zona monumental.

Tamén se inclúe a instalación de tubaxes para o soterramento do alumeado público e de subministro de enerxía eléctrica e cable de fibra óptica. Sobre a retirada do cableado nas rúas, Xaquín Moreda asegurou que “desde o Concello poñemos todo da nosa parte” pero que as empresas subministradoras de enerxía “funcionan a velocidades diferentes”. 

Esta obra está sendo executada pola empresa Elsamex cun orzamento de contratación de 138.303 euros e tres meses de execución, no marco dos fondos públicos da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da zona monumental da cidade. 

Unha vez rematada esta obra quedará completada a renovación da contorna traseira do Campiño, xa que anteriormente se realizaran unha pequena actuación na Enfesta de San Telmo co fin de garantir a accesibilidade nunha vivenda, a rehabilitación do primeiro tramo do Eirado de Alvar Páez e das rúas Tristán de Montenegro e Pratería Vella,