Concello e Boa Vida publican unha Guía de Axudas Sociais que facilita información personalizada

46
  • A guía da Concellería de Benestar Social presentarase mediante charlas ante colectivos veciñais ou grupos. A primeira terá lugar mañá na sede da asociación de veciños de San Roque

A Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, acaba de publicar unha Guía de Axudas e Servizos Sociais que facilita o acceso á información dun xeito personalizado. A publicación, promovida pola asociación Boa Vida Inclusión Activa, conta con tres grandes bloques de axudas estatais, autonómicas e municipais, ten presente ás entidades sen ánimo de lucro que traballan na nosa cidade e será presentada e explicada a través de charlas informativas ante colectivos e grupos de veciños.

Tal e como sinala Paloma Castro, “ademais de para difundir información xenérica sobre a nova Guía, as charlas tamén servirán para afondar nas temáticas que cada asociación veciñal solicite”. “Para o desenvolvelas contamos coa avogada Maribel Álvarez e a traballadora social Viki Abadía. A primeira terá lugar mañá, día 8 de novembro, ás 19.30 horas, no local da asociación de veciños de San Roque (travesía Irmáns Pazos Montes) e levará por título ‘Maiores no ámbito social e xurídico’, centrándose en cuestións como o testamento vital, o envellecemento activo ou a violencia institucional”, apuntou a concelleira do PSOE.

A segunda das charlas, presentada pola propia Paloma Castro, celebrarase o día 25 de novembro na Casa das Campás, a partires das 17.30 horas, no marco das actividades organizadas con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Con tal motivo, a temática da charla será precisamente a violencia machista.

Entre as cuestións a tratar tamén se contemplan a autotutela, a dependencia sobrevinda e a discapacidade (no eido das persoas maiores); o ciclo da violencia de xénero, os tipos de violencia, as consecuencias da violencia nos menores, os recursos dispoñibles para as mulleres e os seus dereitos sociais e xurídicos, e a situación xurídica dos inmigrantes e os recursos sociais dos que dispón este colectivo nos ámbitos sanitario, educativo e de servizos sociais.

Segundo explica a concelleira de Benestar Social, a Guía de Axudas e Servizos Sociais “está estruturada de forma áxil, respostando a preguntas clave: ‘Que axuda é?’, ‘Canto dura?’, ‘Quen pode solicitala?’…”. “Quero destacar unha vez máis -engade Castro- a Renda Social Municipal como un recursos innovador que axuda a cubrir necesidades básicas e melloras persoais que permitan saír de situacións de pobreza”.

A primeira das charlas terá lugar no local da asociación de veciños de San Roque.