A socialista Paloma Castro aposta por iniciar “unha colaboración estable coa Asociación Juan XXIII mediante un convenio de colaboración anual”

14
  • A edil de Benestar Social considera esencial a axuda ao colectivo “nos itinerarios de inserción laboral” e lembra que Iván Puentes ven de recuperar o acordo que permite a súa colaboración no mantemento dos parques e xardíns

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, protagonizou hoxe unha visita ás instalacións da Asociación Juan XXIII (na rúa Eduardo Blanco Amor), onde mantivo unha reunión co seu presidente, Magín Froiz, e a súa vicepresidenta, Carmen Puga, así como con outros membros da súa directiva. A socialista salientou o “inxente labor social que desenvolve este colectivo”, co que “sería de xustiza iniciar unha colaboración máis estable pola vía dun convenio anual, cousa que non existe nestes momentos”.

Durante o encontro, Castro foi informada non só dos diversos programas e servizos que asociación ten en marcha, senón tamén da situación de dous importantes proxectos urbanísticos que se están a realizar: a construción dunha residencia (no propio recinto da sede) con capacidade para 24 prazas máis outras 11 de centro de día e a creación dun centro de inserción laboral (nas inmediacións do instituto Torrente Ballester) que daría emprego a 160 persoas. A Asociación Juan XXIII presta servizo a uns 220 usuarios, traballando nos eidos da formación, a educación e a inserción laboral.

“Agora mesmo non teñen nengunha axuda estable do Concello, polo que a miña intención é que, de cara aos orzamentos de 2020, se poida asinar un convenio de colaboración con eles. A esperanza de vida das persoas con diversidade intelectual e funcional é cada vez máis alta, pero iso fai que teñan que facer frónte a problemas como o alzhéimer, que é algo bastante común en persoas con síndrome de Down. Moitos quédanse sen ninguén que os coide, polo que o servizo de residencia de Juan XXIII é imprescindible nesta cidade”, apuntou Paloma Castro.

A concelleira de Benestar Social constata que a cobertura educativa que presta o colectivo “chega ata os 21 anos, prorrogables ata os 22”, polo que aínda que, unha vez rematada esta etapa, poden traballar para algunhas empresas como Froiz, “a colaboración no eido da colocación laboral e a creación do novo centro de inserción resultan verdadeiramente importantes”. Neste sentido, Paloma Castro xa mantivo conversas coa súa compañeira Yoya Blanco, edil de Promoción Económica, “de cara a ofrecerlles algún tipo de axuda nos itinerarios de inserción”.

Asemade, a socialista lembrou que o tamén concelleiro do PSOE Iván Puentes, responsable municipal de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, “acaba de recuperar un antigo acordo que había para que os usuarios de Juan XXIII poidan traballar en tarefas de mantemento dos xardíns e parques do concello”.

COMPARTIR