Xeración Sónica márcase como obxectivo formar a unha nova xeira de músicos e músicas pontevedresas

44
  • O proxecto arranca novo curso con todas as prazas cubertas e o reto de editar traballos propios

O concelleiro de Xuventude e Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, visitou esta tarde ao alumnado do proxecto Xeración Sónica, no que están participando 35 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos. O concelleiro animounos a todos e a todas a “aproveitar os recursos deste proxecto” e a constituírse “nunha nova xeira de músicos e músicas que deades voz á vosa propia xeración”. 

As sesións de formación, que están tendo lugar no local de música os xoves, ofrecen a posibilidade de traballar con 6 proxectos musicais diferrentes. Ademais, xa de partida están programados catro eventos fixos: un concerto de presentación, e actuacións no marco do Culturgal, do Galegote e do Surfing de Lérez.  Tamén se está a traballar na edición dos traballos que se están a realizar no marco do programa. 

Xeración Sónica, un proxecto recente que inicia a segunda edición neste curso, ten como finalidade promover o interese polas artes e a cultura entre a mocidade de Pontevedra e da comarca, axudándolle a crear propostas artísticas para a comunidade da que forman parte. 

No programa trabállase co obxectivo de converter as artes nunha ferramenta de participación social e de crecemento cultural e educativo, así como nun vehículo do pensamento emocional e mesmo como posibilidade de futuro profesional.