Yoya Blanco impulsa un programa de obradoiros para autónomos e emprendedores a través de APE Galicia

42
  • As actividades formativas, que darán comezo este xoves, centraranse en temas como a ‘Identidade e Márketing Visual’, atención ao cliente, Inglés, emprendemento ou certificado electrónico

A Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, impulsou a posta en marcha dun programa de obradoiros destinado a emprendedores e traballadores autónomos coa colaboración da Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia (APE). As actividades formativas, que se desenvolverán nas instalacións do colectivo en Pontevedra (na rúa Gagos de Mendoza), darán comezo este xoves, día 14 de novembro, cun taller sobre ‘Identidade e Márketing Visual’, centrado no deseño de escaparates e espazos de negocio, e outro denominado ‘Empaqueta-2’, sobre deseño de packaging e presentación de paquetes. 

Segundo sinala Yoya Blanco, ambos obradoiros teñen unha duración total de 14 horas, realizaranse entre os días 14 e 22 de novembro, en horario de 20.30 a 22.30 horas, e “son especialmente interesantes con vistas ás festas de Nadal”. O calendario do programa formativo terá continuidade cos talleres ‘Dixitalízate’, de 20 horas e destinado a dotar aos empresarios de ferramentas e coñecementos básicos para mellorar a imaxe online dos seus negocios; ‘O Uso do Certificado Electrónico’, de catro horas; ‘Facilita 2.0 RGPD, de seis horas e orientado á adquisición das competencias necesarias para aplicar a lexislación vixente en materia de protección de datos; ‘Atención ao Cliente e Calidade do Servizo’, de seis horas; ‘Inglés: Atención ao Cliente’, de 30 horas; ‘Aprende a Emprender’, de dez horas, e ‘Colle o Relevo. Plan Repensa’, de seis horas e coa finalidade de promover a planificación do cambio xeracional.

“Os obradoiros -constata a concelleira de Promoción Económica- serán gratuítos para autónomos e emprendedores. Todos aqueles interesados en solicitar praza poderán facelo a través do correo electrónico da APE Galicia (info@apegalicia.es) ou chamando ao teléfono 986 891 657. Os participantes que completen os talleres con éxito recibirán un diploma de aproveitamento da actividade, que lles servirá para mellora a xestión da súa empresa, ampliar os seus coñecementos e atender ás necesidades dos seus clientes”.

Cartel dos obradoiros.
COMPARTIR