A xestión deportiva do Concello de Pontevedra desperta o interese da Câmara Municipal de Paredes

262
  • O edil de Deportes, Tino Fernández, recibirá este mércores a visita do seu homólogo portugués Paulo Silva, que quere coñecer a súa experiencia na organización de eventos deportivos

A experiencia e bos resultados acadados polo Concello de Pontevedra na xestión deportiva e na organización de eventos deportivos despertou o interese da Câmara Municipal de Paredes. O vereador do Pelouro da Juventude e Desporto do municipio portugués, Paulo Silva, visitará este mércores a cidade acompañado pola técnica do Setor da Juventude Marlene Silva coa finalidade de coñecer de primeira man o funcionamento da Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández, e algunhas das instalacións deportivas recentemente estreadas en Pontevedra.

Tras participar nunha xuntanza de carácter técnico sobre os eventos deportivos celebrados no concello, o vereador luso e a técnica da Câmara de Paredes protagonizarán, ás 12.30 horas, unha recepción oficial por parte do edil do PSOE, co que manterá  posteriormente un almorzo de traballo. Tal e como avanza Tino Fernández, “xa polo serán, despois dunha visita rápida polos espazos máis senlleiros do centro histórico, realizarase unha ‘tournée’ polo novo Complexo Deportivo Municipal de Campolongo, o Pavillón Multiúsos da Xunqueira e o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra”.

Outra xuntanza técnica sobre o papel que xogou o voluntariado nos eventos deportivos do Concello pechará o programa da estadía de Paulo Silva na cidade. “A experiencia da Asociación Oficina de Voluntariado de Pontevedra (OFIVOL) -sinalou Fernández- está a ser un verdadeiro éxito e supón un exemplo a seguir para calquera institución que queira organizar eventos deportivos”.

Logo da Câmara Municipal de Paredes.