Completada a mellora da mobilidade peonil na Rolda Leste

12
  • A Deputación executa hoxe mesmo a continuidade da senda peonil para mellorar a conexión con Pintor Laxeiro, seguindo un proxecto municipal.
  • Neste primeiro mes en funcionamento rexistráronse 4.541 vehículos/día de media. Tamén se ten detectado unha velocidade media de 60km/h. 

O concelleiro de Mobilidade e Obras Urbanas, Demetrio Gómez informou esta mañá que a Deputación realiza o proxecto redactado polos servizos técnicos municipais para mellorar a mobilidade peonil na nova rolda leste. 

Logo da entrada en funcionamento da estrada, o Concello redactou un pequeno proxecto de mellora da mobilidade peonil creando un paso de peóns e ampliando a senda peonil para darlle continuidade cara Pedra do Lagarto. As obras de conexión da senda están executandose hoxe mesmo.

O Concello tamén quixo incluír a rolda leste na campaña de aforos das vías municipais. Os primeiros datos da nova vía desvelan que ten unha capacidade media de 4.541 vehículos ao día. Segundo explicou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez “estes datos amosan que é unha infraestrutura ben formulada e cumpre cos obxectivos cos que se creou”, incluso está por riba das previsións iniciais.

O concelleiro tamén trasladou a preocupación municipal ao respecto da velocidade media da vía que está situada nos 60km/h. A velocidade máis alta foi rexistrada de madrugada (67km/h), e durante o día as medidas son de 55km/h. A Rolda Leste está incluída dentro da regulación de 30km/h como todas as vías municipais destas características, por iso o concelleiro de Mobilidade xa trasladou a orde á Policía Local para que se coordine coa Garda Civil (competente na seguridade da vía), para que fagan controis de tráfico e ir corrixindo a tendencia actual.