Os comercios das Galerías Oliva estrean este sábado o I Roteiro de Traxes Tradicionais de Pontevedra

17
  • A iniciativa da Concellería de Promoción Económica e a Asociación Sete Espadelas xurde para dar a coñecer a nosa indumentaria tradicional e fomentar as visitas e compras no comercio local

Os escaparates dos comercios das Galerías Oliva estrearán esta fin de semana o I Roteiro de Traxes Tradicionais de Pontevedra, unha iniciativa promovida pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas e a Concellería de Promoción Económica co dobre obxectivo de dar a coñecer a nosa indumentaria tradicional e fomentar as visitas e compras no pequeno comercio local. A edil responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, protagonizará este sábado, día 16 de novembro, un paseo inaugural que partirá da entrada das galerías situada cara a rúa Gutiérrez Mellado e no que poderá participar todo aquel que o desexe.

A concelleira socialista explica que “un total de 13 traxes e dous escaparates de complementos permanecerán expostos ata o día 23 de novembro” e amósase convencida de que esta proposta “chamará a atención de tódolos pontevedreses e animaraos a entrar nos locais e a mercar”. “As Galerías da Oliva son un emblema da nosa cidade -suliña- e dende esta Concellería imos impulsar iniciativas que axuden a revitalizalas e poñelas en valor”.

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas xurdiu en Pontevedra grazas ás inquedanzas que un grupo de persoas tiñan arredor da indumentaria tradicional, adicándose ao estudo, recuperación e reprodución de prendas esquecidas ou distorsionadas dos nosos traxes tradicionais. Para conseguilo, recuperan os patróns antigos, o xeito da confección e os tecidos, sempre baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas a persoas maiores.

Como parte desta tarefa de recuperación, tamén tentan recuperar todo o proceso artesanal do liño, dende a súa sementeira ata o traballo do tear, para reproducir os diferentes tipos de tecidos antigos (lenzo, xerga, picote ou candil…). Segundo apunta a concelleira de Promoción Económica, “membros do colectivo acumulan máis de vinte primeiros premios no Día do Enxalzamento do Traxe Galego, así coma nove premios Antón Fraguas sobre a investigación do traxe tradicional, concedidos polo Concello de Santiago e considerados como os galardóns de maior prestixio na indumentaria tradicional”.

Sete Espadelas ven realizando diversas mostras, exposicións, obradoiros e conferencias por toda a xeografía galega. O Museo de Pontevedra acolleu este mesmo verán a mostra ‘Galicia, a terra dos mil panos’, que como salienta Yoya Blanco, “foi un éxito rotundo, con 11.000 visitas en pouco máis dun mes”.