Renovados os colectores de lixo de Virxe do Camiño e Benito Corbal

14
  • O Concello vén de repoñer 10 colectores no centro da cidade e no entorno do Mercado de Abastos, completando a dotación realizada hai escasas semanas na zona monumental.

O Concello de Pontevedra rematou esta semana a instalación de 10 novos colectores de 800 litros nas rúas Virxe do Camiño, Benito Corbal e na contorna do Mercado de Abastos. Son colectores de carga frontal (iguais aos distribuídos hai unhas semanas polo centro histórico) cos que se completa a renovación en toda a zona periurbana que emprega este tipo de colector.

Esta medida pretende acompasar a unha sociedade cada vez máis esixente no tratamento dos residuos urbanos e seguir a senda marcada polo programa Efecto PO2 de posicionamento da cidade que centrará a acción municipal no presente mandato. 

O Concello, a través da empresa concesionaria Ferrovial Servizos, instalou 10 novos colectores substituíndo a outros que tiñan esgotada a súa vida útil por diversos motivos, especialmente, polo uso. 

Cabe lembrar que a maior parte da recollida de lixo en Pontevedra é de carga lateral (faise polo lado dereito do camión), pero no caso do centro histórico e dalgunhas rúas da cidade faise con carga frontal porque o camión de recollida de carga lateral ten moitas dificultades para realizar manobras, o que supón que os colectores sexan máis pequenos. 

A recente substitución de contedores vén a sumarse á campaña que acaba de pór en marcha a Concellaría de xestión dos residuos recordándolles aos establecementos comerciais da zona monumental (hostalería, comercio, restauración…) o servizo de recollida porta a porta de vidro e cartón/papel, que se vén desenvolvendo por parte da concesionaria dende o ano 2008. Esta campaña, en relación ao papel, terá continuidade no resto da cidade proximamente.

Todas as medidas, e as futuras que a concellaría está a planificar, van encamiñadas a incrementar a participación veciñal na xestión dos residuos na cidade, unha liña de traballo principal no presente mandato a través do programa Efecto PO2.