Paloma Castro recibe o luns no Concello a dúas defensoras de dereitos humanos en Colombia e Nicaragua

50
  • A concelleira de Igualdade manterá un encontro coa líder indíxena colombiana Alicia Valencia Cuetiá e a activista feminista nicaraguana exiliada Georgina de los Ángeles Molina Rivera

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, manterá o luns no Concello ás 13.15 horas un encontro coa defensora de dereitos humanos en Colombia Alicia Valencia Cuetiá e a activista feminista nicaraguana exiliada Georgina de los Ángeles Molina Rivera. A reunión coa socialista enmárcase dentro dun programa de sensibilización titulado ‘Defensoras de Dereitos’, promovido pola Deputación e a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento para visibilizar ás mulleres defensoras de dereitos humanos no mundo e as súas loitas, así como para ofrecer alternativas no eido do comercio xusto e o consumo responsable.

Georgina de los Ángeles Molina é unha psicóloga especialista en tratamento e acompañamento de agresións e abusos sexuais con doce anos de experiencia traballando con distintos colectivos do país. Fuxiu de Nicaragua a consecuencia da violencia e a represión do goberno de Ortega cara a poboación civil organizada e actualmente é solicitante de asilo político en España.

Alicia Valencia é orixinaria do pobo Nasa, no municipio de Corinto, ao norte do Cauca colombiano, e dende moi nova forma parte da Asociación de Cabildos Indíxenas do Norte do Cauca (ACIN) e da Guarda Indíxena. Foi autoridade indíxena do territorio de Corinto e coordinadora do programa Muller e actualmente participa no Programa Catalán de Protección para Defensoras e Defensores de Dereitos Humanos.

Tal e como suliña Paloma Castro, “estase detectando a nivel global un aumento alarmante da persecución a activistas e persoas defensoras dos dereitos humanos”. “Só en 2018, 321 activistas e defensoras de dereitos foron asasinadas e moitas outras tiveron que fuxir dos seus países para sobrevivir. Con este proxecto, a Coordinadora Galega de ONGD busca que se visibilice e se apoie a estas defensoras dos dereitos humanos e ás causas que defenden”, sinala a concelleira do PSOE.

O programa ‘Defensoras de Dereitos’ traducirase nun ciclo charlas e debates que terá lugar a vindeira semana e que se desenvolverán en Vilagarcía, Redondela, Bueu e Cuntis e que protagonizarán, ademais de Valencia e Molina, outras defensoras de dereitos de Colombia, Nicaragua e Galicia.