A concelleira de Igualdade pon en marcha a campaña contra a violencia machista Pontevedra en Negro

129
  • A iniciativa inclúe a instalación de pancartas, o despregue dunha lona na Casa Consistorial e o reparto de camisetas, mandís e diverso material divulgativo en comercios, colexios ou centros sanitarios

Baixo o lema Pontevedra en Negro, a Concellería de Igualdade volcarase dende hoxe coa campaña estatal En Negro Contra as Violencias, que xa comezou a facerse visible a través da instalación de pancartas en diferentes puntos da cidade e o reparto de diverso material divulgativo en comercios, establecementos de hostalería, colexios, institutos, centros sanitarios e complexos deportivos. No marco desta iniciativa, a responsable do departamento municipal, a edil socialista Paloma Castro, protagonizará mañá ás 12.30 horas, acompañada por outros membros da Corporación local, o despregue dunha lona que permanecerá exposta na fachada da Casa Consistorial (Praza de España) até o día 26 de novembro.

Tal e como explica Castro, o Concello “xa colocou pancartas en farois ubicados en 15 puntos da cidade” e está a repartir “carteis, camisetas, mandís e folletos divulgativos” para tentar “que a mensaxe chegue con forza a toda a cidadanía”. A concelleira do PSOE lembra que a campaña se enmarca no programa de actos impulsados pola área de Igualdade en torno ao 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia Contra a Muller, e no que se inclúen o proxecto de apoio á vítimas de violencia sexual Percorrido á Liberdade e o acto de entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo 2019.

As accións reivindicativas terán continuidade o día 21 de novembro, para o que está prevista a presentación dunha exposición fotográfica baixo o título ‘Desmontando o amor romántico’, na que participarán diversas artistas galegas, que se instalará inicialmente na contorna da Praza da Ferrería e que terá un carácter itinerante (exhibirase por institutos, parroquias ou centros culturais). Asemade, o 23 de novembro ás 21.00 horas celebrarase no Teatro Principal un pase, aberto ao público en xeral e de balde ata completar aforo, da obra teatral ‘Pementeiras. Unha historia de empoderamento feminino’, escrita e dirixida por Ramón Torrente e coa participación de Ana Domínguez Chouza e Rebeca Oliveira.

Como colofón, o 25 de novembro, a Praza da Ferrería será escenario dun acto central no que se pretende implicar aos estudantes dos centros educativos de Pontevedra, e o sábado 30 de novembro pecharase o programa na Casa Azul coa celebración dun curso de autodefensa con prazas limitadas para mulleres de tódalas idades e impartido por especialistas da Federación Galega de Loita e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.