Medio Natural recuperará como zona verde unha finca de 652 metros cadrados situada tralo Pavillón dos Deportes

30
  • Iván Puentes e Tino Fernández plantexarán aos clubes de petanca de Pontevedra a posibilidade de crear un novo campo na parcela, situada entre a avenida de Compostela e a rúa Fernández Cochón

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, destinará a zona verde unha parcela de 652 metros cadrados situada tralo Pavillón Municipal dos Deportes, entre a avenida de Compostela e a rúa Fernández Cochón, despois de que a Xunta de Goberno local aprobase esta mañá a súa expropiacion mediante o abono de 73.697,19 euros ao seu propietario. Unha vez que a xestión da finca pase definitivamente a mans do Concello, o edil socialista porá en marcha “unha intervención branda” enmarcada “no proxecto de humanización e recuperación ambiental e paisaxística da marxe esquerda da avenida de Compostela”, que terá continuidade nun futuro “noutras tres fincas de propiedade municipal lindantes co Estadio de Pasarón”.

A proposta de Puentes contempla o derrubamento do muro existente e a plantación de céspede e de árbores nesta parcela, “que nestes intres se atopa altamente degradada”. Asemade, o concelleiro de Medio Natural e o de Deportes, o tamén socialista Tino Fernández, consultaranlles aos clubes de petanca de Pontevedra o seu parecer sobre a posibilidade de que se faga un novo campo nese espazo verde.

“Algunhas equipas xa lle trasladaran a Tino Fernández unha petición para a creación dun campo de petanca na contorna de Pasarón e o barrio do Burgo, polo que esta parcela sería unha ubicación idónea, máxime cando se atopa nunha zona chea de infraestruturas deportivas. A decisión supeditarase a se os clubes ven acaída ou non o emprazamento”, suliña Iván Puentes.

A parcela expropiada está clasificada como solo urbano, incluíndose a mesma dentro da Unidade de Actuación número 21, tendo a cualificación de sistemas xerais de espazos libres (zona verde). A Xunta de Goberno decidiu convocar e citar ao seu titular para proceder ao levantamento das actas de pagamento e ocupación o vindeiro 29 de novembro.