O mundo da viaxe protagoniza as IV Xornadas sobre Antropoloxía

10
  • Terán lugar os días 22, 23 e 24 de novembro no espazo  cultural Nemonon e están organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega
  • Abordarase a viaxe desde todas as súas dimensións: a viaxe turística, a migratoria, a de investigación, as expedicións ou as viaxes interiores

O mundo da viaxe visto e analizado desde un amplo abano de ópticas centrará as IV Xornadas sobre Antropoloxía que terán lugar esta fin de semana no espazo cultural Nemonon. Organizadas pola Sociedade Antropolóxcia Galega (ASAGA) co apoio do Concello de Pontevedra, foron presentadas esta mañá polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, e polos antropólogos e membros de ASAGA, Rafael Quintía e Cristina Valdés.

Moreda indicou que, nesta fin de semana, esta iniciativa reunirá en Pontevedra antropólogos e antropólogas,  historiadores, exploradores e xornalistas para ofrecer “unha ollada antropolóxica ao mundo da viaxe en todas as súas dimensións”, entre as que citou o turismo, a migración, a investigación e expedición e, mesmo, as viaxes interiores. Pola súa banda, Rafael Quintía lembrou que esta iniciativa se basea “na divulgación do coñecemento antropolóxico e cultural” e que o eixo fundamental da antropoloxía “é facer un achegamento a calquera tema desde unha visión holística o máis ampla posible”. Partindo deste fundamento, Quintía afirmou que o concepto da viaxe resulta moi interesante para ser sometido a estudo tanto pola súa actualidade como en referencia á cidade de Pontevedra. “Nunca se viaxou tanto coma hoxe e, ademais, estamos nunha cidade que recibe moitos visitantes, turistas, e viaxeiros, porque non debemos esquecer a importancia do Camiño de Santiago” afirmou.

A primeira das conferencias programadas dará comezo o venres 22 ás 18h, e terá como relatora a Cristina Valdés que abordará o fenómemo da viaxe turística. A propia Cristina Valdés explicou que primeiro realizará “unha aproximación histórica á viaxe desde tempos remotos ata hoxe en día, e despois unha aproximación antropolóxica ao que é a viaxe como fenómeno social e as dimensións que toca nas cidades anfitrioas e como isto vai configurando o espazo”. Na mesma xornada, seguiralle a antropóloga Carmen Arnau Muro que leva máis de 20 anos facendo expedicións en solitario a Siberia e que achegará a perspectiva da viaxe como ferramenta de traballo na antropoloxía.

O sábado 23, a xornada da mañá comezará coa conferencia de Luzía Oca, unha das maiores especialistas en grupos de migrantes caboverdianos en Galiza e que achegará a perspectiva da “viaxe cando é obrigatoria” cun relatorio que leva por título ‘Viaxes que parten o corazón: migrantes entre dous mundos’. Seguiralle a conferencia de José Luis Cardero que baixo o epígrafe “A viaxe cara ás fronteiras e términos do Alén” analizará a morte como idea de viaxe ao longo da historia.

Na xornada de tarde do sábado, comezará o xornalista Santiago del Valle falando das súas expedicións arqueolóxicas ao Perú coa conferencia “Galegos en Vicabamba, o último reino inca independente: cronistas, conquistadores e exploradores”, seguido de Diego Cortijo coa visión romántica e aventureira das expedicións cunha conferencia titulada ‘Explorando selvas y desiertos hacia Ítaca”.

A xornada do domingo está dedicada a unha visita ao Parque Etnoarqueolóxico Outeiro das Mouras de Salcedo, que dará comezo ás 10h.