Bo ritmo nas obras de reparación da traída de auga a Marín e Bueu

11
  • A obra poderá estar rematada cara finais de mes, xa que está a piques de concluír o bypass de 150 metros..

O Concello de Pontevedra mantén o bo ritmo na reparación da rede de abastecemento que se atopa baixo a galería de servizos na avenida das Corvaceiras e que dá servizo aos concellos de Marín e Bueu. A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, explicou que a previsión é que estean rematadas cara o 27 de novembro.

A principios de mes rexistrouse unha avaría na rede de alta de 500mm que abastece a Marín e Bueu na galería de servizos, á altura da avenida das Corvaceiras. Descolgáronse 12 metros de tubaxe, e ante a dificultade de poder reparala dentro da galería, acordouse anular un tramo de 150 metros de canalización. Mentres, Marín e Bueu están sendo abastecidas coa nova rede de Acuaes a través do depósito de Castro Senín.

As obras comezaron o pasado día 6, e na actualidade estase a instalar o bypass de 150 metros de tubaxe de función de 500 mm polos carrís da avenida das Corvaceiras, e a unha profundidade de 1,8 metros. Esta condución está instalada ao 90%.

Os seguintes traballos consistirán na conexión da tubaxe existente mediante pezas especiais de aceiro inoxidable, e que se instalarán cruzando os dous carrís da avenida do Uruguai.

Unha vez que a obra estea rematada, reporase a mediana, e poderá retomarse a obra de encamisado da rede de alta en Domingo Fontán que tivo que pararse para abastecer por esta vía.