Ponte Xogos transportará ás nenas e nenos ao Polo Norte durante as festas de Nadal cunha proposta de lecer que inclúe unha Carpa Iglú e unha tirolina con luz

488
  • O programa da Concellería de Promoción Económica contempla, como principal novidade, foodtrucks e obradoiros itinerantes nos barrios de Monte Porreiro, Pontevedra Leste e O Burgo

Un ilusionante calendario de actividades ambientado no Polo Norte, cunha Carpa Iglú de 450 metros cadrados na Praza de España, unha Tirolina Ártica de 150 metros con luces na Alameda e foodtrucks e obradoiros itinerantes nos barrios de Monte Porreiro, Pontevedra Leste e O Burgo. Esta é a atractiva proposta de lecer infantil que a Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, traerá a Pontevedra durante as festas de Nadal a través do programa municipal Ponte Xogos 2019.

“Crearemos un universo branco, onde tódolos espazos terán neve, xeo, osos polares e moitas outras sorpresas. As nenas e nenos somerxeranse na maxia do Nadal en toda a cidade, ao tempo que aprenderán a coidar e protexe-lo Polo Norte, mediante xogos e dinámicas sobre medio ambiente”, explica a edil do PSOE.

A Carpa Iglú de 450 metros cadrados será inaugurada na Praza de España o día 20 de decembro ás 16:30 horas, permanecendo aberta ata o 3 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas (na xornada de clausura só estará aberta de mañá). Entre as actividades organizadas inclúese o Mini Glaciar, un espazo de interacción entre pais e nais e fill@s de 0 a 3 anos que conta cunha piscina de bolas (a Mini Laguna); e o Pobo Esquimal, composto por un iglú inchable de case cinco metros de diámetro e no que se desenvolverán os obradoiros para rapaces de entre 4 e 9 anos Estrela Polar, Os Animais do Ártico e Concienciación e Coidado da nosa Contorna.

No espazo Pesca Inuit, os pequenos de entre 3 e 12 anos poderán desfrutar da experiencia da verdadeira pesca esquimal en piscinas con peixes de cores, que terán que atrapar no xeo, así como participar en diferentes dinámicas de xogo. A Carpa Iglú contará ademais co Gran Iceberg, un tobogán xigante inchable de cinco metros de altura para nenos de 4 a 12 anos dende o que os participantes caerán nunha piscina de bolas; coa actividade Expedición Polar, na que a rapazada de entre 5 e 12 anos desenvolverá obradoiros sobre o Polo Norte e sobre como salvalo, levándose á casa un recordo de Ponte Xogos, e con dúas actuacións especiais no seu escenario: unha de Maxia e outra de Contacontos.

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, outro dos grandes atractivos do programa será a Tirolina Ártica de 150 metros destinada a rapaces de entre 5 e 14 anos (sempre e cando o arnés se axuste correctamente), que permanecerá aberta ao público entre o 20 de decembro e o 3 de xaneiro en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.

Por vez primeira nos barrios

Na súa teima por levar as actividades organizadas dende Promoción Económica máis aló do centro urbano, Yoya Blanco decidiu estender este ano Ponte Xogos a diferentes barrios da cidade durante as fins de semana. Así, o programa de lecer infantil trasladarase o sábado 21 de decembro, entre as 16:00 e as 20:00 horas, á zona de Pontevedra Leste: os obradoiros e foodtrucks instalaranse na pasarela da rúa 12 de Novembro no caso de que o tempo acompañe e no Centro Sociocultural no caso de choiva.

“O sábado 28 de decembro, levaranse as actividades ao barrio de Monte Porreiro, tamén en horario de 16:00 a 20:00 horas. Se chove faranse no Centro Sociocultural (fronte ao IES Luís Seoane) e se fai bo tempo, no exterior. Esa mesma fin de semana, o domingo 29, Ponte Xogos estará presente no Burgo, nese mesmo horario, ben na Praza de Pasarón, ben no Centro Sociocultural de Lérez”, apunta Yoya Blanco.

A socialista avanza que a oferta para os barrios abrangue unha foodtruck de Nadal con obradoiros de elaboración de galletas “que poderán levar a casa e regalar a toda a familia”. A Concellería de Promoción Económica instalará unha carpa itinerante de 48 metros cadrados para que as familias poidan desfrutar das actividades de lecer.

Dado que, ademais de contaxiar á cidadanía a maxia do Nadal, Ponte Xogos tamén ten por obxectivo axudar a potenciar e dinamizar as ventas no comercio local, Yoya Blanco lembra que a entrada ás actividades será de balde, “sempre e cando exhibamos tickets de compra de establecementos pontevedreses”.