Un experto en Defensa Policial ensinará este sábado a 20 mulleres a protexerse de posibles agresores

24
  • O curso de autodefensa organizado pola Concellería de Igualdade desenvolverase na Casa Azul en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e será impartido por Manuel Herbón

O experto Manuel Herbón Arias, adestrador nacional de Defensa Persoal Policial, será o encargado de impartir o curso de autodefensa ante situacións violentas organizado pola Concellería de Igualdade co gallo de 25N, Día Internacional contra a Violencia Machista. Con esta iniciativa, o departamento que dirixe a socialista Paloma Castro pretende “empoderar ás mulleres participantes” e capacitalas de coñecementos técnicos que lles permitan protexerse de posibles agresores e neutralizar os seus ataques.

O curso desenvolverase este sábado, día 30 de novembro, na Sala Almofrei da Casa Azul, en horario de 10.00 a 14.00 horas e, pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Segundo indica a concelleira de Igualdade, que estará presente no acto inaugural, a actividade formativa contará coa asistencia dun grupo de 20 mulleres de tódalas idades.

“Con este curso -asegura Paloma Castro- ponse o colofón a un mes cheo de accións reivindicativas, que incluíu as campañas de sensibilización e concienciación ‘Sen o meu si, non’ e Pontevedra en Negro, o itinerario contra as agresións e os abusos sexuais Percorrido á Liberdade, a exposición fotográfica itinerante ‘Desmontando o amor romántico’, a entrega dos Premios Ernestina Otero, o pase da obra Pementeiras, a presentación dunha unidade didáctica de prevención da violencia de xénero baseada no libro Invisibles, o acto Mulleres en Acción e o gran evento celebrado na Ferrería co alumnado de Pontevedra”.