O Concello reclama unha alternativa á ampliación da EDAR

4
  • Solicítalle a Augas de Galicia que aclare expresamente e con carácter previo cal é o destino do antigo emisario e que ocorrerá coas augas industriais de ENCE 

“Unha tramitación extraña, realizada con opacidade, cunha falta de comunicación absoluta co Concello e ademais non só non se aclara que vai pasar cos verquidos de Ence senón que ademais dinnos que non son motivo deste expediente”, así resumiu a concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva, o proceso de tramitación do expediente para a resolución da autorización de vertedura de augas residuais urbanas á ría de Pontevedra, procedentes da Edar e do emisario de Praceres.

Da Silva asegurou que, desde o Concello, a principal alegación que se remite á Xunta sobre esta proposta “é que se nos aclare expresamente, e con carácter previo a que a resolución sexa firme, cal vai ser o destino do antigo emisario unha vez posto en funcionamento o novo, e que pasará coas augas residuais de Ence”. 

A concelleira do Ciclo da Auga explicou que esta proposta de autorización de vertido provén do expediente iniciado en 2015, no que se recollía que o actual emisario dá servizo tanto á Edar como a Ence. Sen embargo, a proposta de resolución de vertido que se deriva do expediente iniciado fai 4 anos non resultou ser para o expediente inicialmente tramitado -que era para a Edar que había co seu emisario- senón que se refire ao emisario novo, á Edar mellorada, e a unha autorización que remataría coa Edar ampliada, e cunha previsión de traballos a realizar durante 5 anos que rematarían a comezos de 2024. Ante esta situación, Carme da Silva asegurou que “non se pode iniciar un expediente para autorizar un vertido a través dun emisario que verte nun punto determinado e cunhas características determinadas, e ir cambiando ese expediente e ao final o que se resolve é outra cousa diferente, por iso entendemos que é unha tramitación extraña”. 

Sobre a reposta da Xunta indicando que as augas industriais procedentes de Ence non son motivo desta proposta de autorización de vertido, Da Silva indicou que é necesario que concreten “que pasa con elas, quen as autoriza, se van sen autorización, se non están autorizadas, e se van ir polo emisario vello ou polo novo”.

Alternativa á ampliación da Edar

Carme da Silva tamén informou sobre o trámite ambiental simplificado para a ampliación da Edar de Praceres enviado pola Consellería de Medio Ambiente. Sobre esta ampliación, Carme da Silva asegura que “non é unha solución de futuro senón que vai crear moitos problemas en Placeres, e solicitamos á Xunta que retire este proxecto  e que os técnicos se senten a falar das solucións reais para a depuración da ría de Pontevedra”.

Entre as alegacións remitidas polos técnicos municipais, a principal é o cuestionamento da propia ampliación da depuradora para que teña máis caudal, que neste momento xa ten un caudal de entrada equivalente a 200.000 habitantes. A concelleira indicou que os principais problemas de funcionamento da Edar non están relacionados coa capacidade do caudal senón coa procedencia de augas incompatibles coa depuradora, por carecer de pretratamento. Da Silva informou que esta augas están recollidas no propio informe da Xunta e que se refiren a augas industriais sen pre-tratamento procedentes de industrias alimentarias e a augas cunha importante incidencia de salinidade derivada destas industrias, situadas no Porto de Marín.

A concelleira asegurou que este tipo de augas “non terían ningún problema se se trataran previamente” polo que estaría máis xustificado o arranxo destes desaxustes que a ampliación da depuradora. “Hai que sentarse a falar con seriedade das necesidades de saneamento e da importancia que ten o saneamento na ría de Pontevedra porque estamos fóra de todos os prazos posibles con ameaza de sancións por parte da UE” asegurou Da Silva,  ao tempo que engadiu que “a Xunta sigue planteando solucións que se pensaron nos anos 70, cunha macrodepuradora que vai en contra de todo o que son as saídas correctas en materia de depuración, pretendendo que sigan atravesando a ría de Pontevedra todas as augas residuais, e sen intervir no Porto para que haxa un pretatamento que faga compatible as augas industriais coa Edar”. Outro dos problemas que indicou Carme da Silva, é a necesidade de separar a auga da chuvia dos concellos de Marín e Poio, que carecen de rede separativa. 

Principais alegacións ao proxecto de ampliación:

– a tramitación ambiental simplificada non procede porque na realidade non se trata dunha ampliación senón da construción dunha estación depuradora nova e iso esixiría unha tramitación ambiental ordinaria que recolla os impactos correspondentes

– introducir solucións ás verteduras industriais, que serían solucionables co pretratamento axeitado

– a incongruencia da proposta de integración paisaxística que inclúe árbores que non se corresponden coas caracteríscas requiridas en canto a altura, nin son de folla perenne polo que parte do ano non actuarían como “pantalla vexetal”

– a proposta de construír un campo de fútbol nos terreos que quedan tampouco é factible porque ditos terreos non contan coas medidas requiridas nin para o campo de xogo nin para ningunha instalación anexa como poderían ser vestiarios ou gradas

– ausencia de estudos de impacto atmosférico, posto que non analizan nin miden os impactos provocados por olores ou ruídos

– non cumple o planeamento vixente na zona, que é o proxecto sectorial, nin as directrices de ordenación do territorio nin o plan de ordenación do litoral