Os rostros das vendedoras e vendedores da Praza de Abastos protagonizan o proxecto ‘Eu son o Mercado’

46
  • A campaña da Concellería de Promoción Económica traducirase na instalación de carteis de gran formato con fotografías a cor dos traballadores do Mercado en diversas rúas da zona monumental

“Humanizar as relacións comerciais, poñer en valor o trato directo entre os vendedores e os clientes, revalorizar a calidade dos nosos produtos e materias primas e dar visibilidade, fóra do seu lugar de traballo, aos traballadores e traballadoras que cada día fan posible a existencia dun espazo tan valioso como a Praza de Abastos”. Eses son, segundo describe a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, os valores que busca destacar o seu departamento a través da campaña ‘Eu son o Mercado’, que permitirá poñer nome e rostro aos diferentes postos de venta das instalacións municipais a través de fotografías en cor dos vendedores e vendedoras situadas nas principais rúas da zona monumental.

A edil do PSOE explica que o proxecto ten a intención de “facer unha pequena homenaxe a estas incansables traballadoras e traballadores, ao tempo que enfatiza esas cualidades que, por desgracia, tanto se están a perder nas relacións comerciais e que elas e eles ben representan: a confianza e a cercanía no trato”. No seu empeño por facer que as rúas da contorna do Mercado de Abastos se convirtan en “espazos máis acolledores” e por “darlles máis vida á contorna de Serra e de César Boente e de conectalas con outras prazas tan ateigadas de xente como Méndez Núñez ou A Verdura”, Yoya Blanco decidiu “facer unha mostra artística diferente e saca-la fóra dun local pechado”.

“Aínda que algúns dos vendedores levan xa tantos anos no oficio que non se pode dicir que sexan descoñecidos, a exposición servirá para poñer nome e cara por un tempo a varias placeiras e placeiros anónimos”, suliña a concelleira de Promoción Económica.

Os carteis da campaña, con fotografías a dobre cara, permanecerán colgados ata o día 31 de xaneiro nos seguintes puntos do casco vello: Rúa Real, Praza de Curros Enríquez, Fernández Villaverde, Manuel Quiroga, César Boente e Praza de Méndez Núñez. Son un total de 62 instantáneas realizadas polo estudo Merchy Gómez Fotografía.