Terras de Pontevedra outorga os seus catro Premios de Promoción Turística entre 109 fotografías participantes

14
  • A concelleira socialista Yoya Blanco destaca “o elevado nivel e calidade das imaxes presentadas” e lembra que estes galardóns axudan “a poñer en valor o noso rico patrimonio turístico”
  • O Lago de Castiñeiras, a Ría de Pontevedra, o PAAR de Campo Lameiro e o Curro da Escusa (Poio) son as paisaxes protagonistas das instantáneas galardoadas

A Mancomunidade Turística Terras de Pontevedra, á que están adheridos os concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, Marín, Poio, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa, acaba de dar a coñecer os nomes das fotografías gañadoras dos seus II Premios de Promoción Turística. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, destaca “o elevado nivel e calidade das imaxes presentadas” ao concurso e lembra que este proxecto, realizado no marco do convenio de colaboración coa Xunta (a través da Axencia de Turismo de Galicia), organizouse coa finalidade “de dar a coñecer e poñer en valor o noso rico patrimonio turístico entre os turistas/visitantes e a poboación local dun xeito visual e fomentando a desestacionalización”.

Neste sentido, a edil socialista está convencida de que “tódalas épocas do ano son propicias para visitar e desfrutar das Terras de Pontevedra” e destaca “a extraordinaria beleza de espazos naturais que, como as sendas fluviais do Lérez ou o Gafos en Pontevedra, temos literalmente ao lado”. Un atractivo que reflexan as 109 fotografías que se presentaron a esta segunda convocatoria dos Premios dentro dos prazos de inscrición (das que unhas 90 cumpriron con tódolos criterios especificados nas bases).

Francisco Currás Domínguez foi o gañador na categoría Natureza e Biodiversidade cunha instantánea outonal realizada no Lago de Castiñeiras, mentres que unha imaxe da Ría de Pontevedra realizada por Patricia Fernández Mosteiro dende a costa, en Samieira, levouse o galardón na de Praias, Rías e Ríos. Unha fotografía de Teresa Fernández López tomada no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro, na que se aprecia en primeiro plano un cesto cheo de cogomelos cun petróglifo ao fondo, foi a vencedora na categoría de Micoloxía e Arte Rupestre, e outra imaxe chea de forza tomada no Curro da Escusa (en Poio) por Carlos Andrés Pereira levouse o galardón na de Camiño de Santiago, Gastronomía e Festas.

Tal e como sinala Yoya Blanco, “os catro premiados poderán desfrutar dunha fin de semana para dúas persoas nun establecemento de turismo rural ubicado nalgún dos sete concellos da Mancomunidade”. “Tódalas imaxes participantes nestes II Premios de Promoción Turística -suliña a edil de Promoción Económica- están expostas no fotoblog colaborativo de Terras de Pontevedra (https://rutasterrasdepontevedra.blogspot.com/)”.

COMPARTIR