Promoción Económica e Universidade de Vigo publican o cuarto informe do Observatorio Urbano de Pontevedra

68
  • O documento elaborado por Pedro Figueroa e Daniel Gallego inclúe nesta edición datos sobre asociacionismo, educación, CHOP, economía social, Brilat ou polígonos empresariais

Pedro Figueroa e Daniel Gallego, membros da Economics and Business Administration for Society (Ecobas) e do Grupo de Investigación da Universidade de Vigo ‘G4 PLUS Desenvolvemento estratéxico: organizacións e territorios’, son os autores do cuarto informe socioeconómico do Observatorio Urbano de Pontevedra, que ven de facerse público e que foi elaborado grazas á colaboración da Vicerreitoría do Campus pontevedrés (Campus CREA) e a Concellería de Promoción Económica. O propio Figueroa explica que este documento “é unha ferramenta eficiente para a toma de decisións dos diferentes axentes sociais implicados no desenvolvemento da cidade como un espazo dinámico e innovador”. 

Para a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, este traballo permite a Pontevedra contar “cun informe único de información socioeconómica que constitúe un diferencial e unha oportunidade para o desenvolvemento local e dunha cidadanía ben informada”. Este cuarto informe continúa o traballo realizado nos pasados anos e inclúe, como principal novidade, non só a información proporcionada directamente por fontes secundarias, se non que tamén incorpora información ‘ad hoc’ de datos que proveñen de fontes que requiren consultas, solicitudes e tratamentos específicos. “Exemplo disto son os datos de asociacionismo, educación universitaria e non universitaria, Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), economía social, Brilat, polígonos empresariais, entre outros”, constata Pedro Figueroa.

Froito das suxestións realizadas, entre outros, polos membros do Consello Económico e Social, tamén se contemplan novas variables e indicadores relativos a transaccións inmobiliarias de vivendas, renda dispoñible bruta, taxa de lonxevidade e maior detalle da información por xénero naqueles indicadores que dispoñían de datos. Estas melloras víronse reflectidas nunha táboa de indicadores de posicionamento (comparativa entre as sete grandes cidades de Galicia).

Para a elaboración deste informe traballouse cun volume de datos  de 1.301.915 valores, dos que unha vez tratados se recollen neste documento 26.747 datos repartidos en 2 bloques estruturais, 19 ámbitos, 66 variables e uns 267 indicadores distintos. En opinión de Pedro Figueroa, “canta máis información se atope accesible aos diferentes axentes sociais e á cidadanía, mellor será o proceso de toma de decisións e os resultados para o desenvolvemento local que permita avanzar nunha Pontevedra dinámica, creativa e innovadora, atractiva para vivir e traballar”. 

Yoya Blanco sinala que, como aconteceu coa anterior publicación do Observatorio Urbano, “os axentes sociais e a cidadanía teñen á súa disposición o informe a través da dirección de correo electrónico ‘observatoriopontevedra@uvigo.es‘, mediante a cal se poden vehicular as suxestións e necesidades de mellora de cara á realización do vindeiro informe.

COMPARTIR