Comezan as charlas informativas para estender a compostaxe individual a Campañó

79
  • O Concello traballa na actualidade no reparto nas parroquias de Salcedo e Tomeza onde xa se teñen entregados, totalmente de balde, 524 composteiros.
  • As charlas de Campañó comezan hoxe, 2 de decembro, e rematarán o día 17. Serán nos locais sociais de Sabarís e de Cabaleiro.

A Concellarías de Xestión dos residuos orgánicos e do Rural, xestionadas por Raimundo González Carballo e Alberto Oubiña, respectivamente, continúan adiante co novedoso proxecto de implantación da compostaxe no Concello de Pontevedra nas súas diversas vertentes. Dende o pasado mes de outubro está en marcha a implantación da compostaxe individual nas vivendas unifamiliares do rural pontevedrés. Comezou por Tomeza e continuou por Salcedo, e agora dá o salto á parroquia de Campañó que arrancará esta semana coas charlas informativas nos centros sociais de Sabarís e de Cabaleiro.

A primeira xuntanza será no Centro social de Sabarís. Neste local as reunións serán sempre ás 20.00 horas e están previstos os seguintes:

  • Luns, 2 de decembro: Pensada para os residentes nos lugares de Sabarís, A Boca, San Caetano e Bispo.
  • Mércores, 4 de decembro, para os lugares de Soutonovo, Moldes, A Corredoira e A Galiana.

No Local Social de Cabaleiro as xuntanzas tamén serán ás 20.00 horas, e a programación é a seguinte:

  • Martes, 3 de decembro. Lugares de Cabaleiro e Casal do Mendo.
  • Luns, 9 de decembro: Parada de Abaixo e Parada de Arriba
  • Martes, 10 de decembro, Barra e Barragáns
  • Mércores, 11 de decembro: Ribeiro e Casal do Rei
  • Xoves, 12 de decembro: O Cachapal, Os Muíños e Banqueira
  • Venres, 13 de decembro: Campañó de Arriba e Piñeiro
  • Luns, 16 de decembro: O Freixo e Altabón.
  • Martes, 17 de decembro: Ferreirós, Carballiños, Cochón e Pedreira.

Con estas charlas informativas comeza a campaña de formación de balde para a veciñanza, que se completa con visitas domiciliarias, realizadas por persoal cualificado para o asesoramento e apoio en materia de reciclaxe.

Ao igual que no resto de parroquias, o Concello roga que os veciños acudan ás reunións dos lugares onde se atopa a súa vivenda. De todos os xeitos, se non puideran acudir nesa data, tamén poden achegarse a calquera das outras datas sinaladas.

Tomeza e Salcedo

Até o de agora o Concello ten subministrado, totalmente de balde, 524 composteiros nas dúas parroquias visitadas, cun censo de vivendas de 1.213. A casuística das non entregadas é moi variada pero destaca, de entre todas elas, a ausencia dos residentes.

A empresa encargada dos repartimentos e instalación dos composteiros, Fruga, aínda está a realizar visitas a estas vivendas de Tomeza e Salcedo cuxos residentes non foron localizados na primeira das visitas, polo que o número de entregados poderá aumentar nas vindeiras semanas. 

De todos os xeitos, o Concello informa a todos os veciños e veciñas das parroquias xa visitadas cos que non se puido contactar que se dirixan ao Concello de Pontevedra para solicitar, totalmente de balde, o seu composteiro individual. Poden pórse en contacto nos teléfonos 986 80 43 00 ext 7570 ou ben no correo electrónico compostaxe@pontevedra.gal

A posta en marcha da compostaxe individual nas parroquias do rural está incluída dentro do proceso de reformulación do servizo de recollida de lixo e tratamento dos residuos urbanos nos que está inmerso no Concello de Pontevedra de cara á elaboración do novo contrato municipal do servizo.

O obxectivo de todo este proceso, no que a compostaxe individual é unha peza capital, é cumprir coa lexislación europea vixente en materia de residuos, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar, polo tanto, a xestión do lixo.

Cabe lembrar que para este propósito, o Concello adquiriu 8.000 composteiros individuais co fin de dotar a cada unha das vivendas das 15 parroquias do rural. É un elemento municipal que se entrega totalmente de balde ás vivendas para facilitar a implantación da compostaxe individual.

Alberto Oubiña, concelleiro do rural.