A restauración do parque infantil da Illa das Esculturas completarase nestes días co pintado dos xogos

136
  • O proxecto que está a executar Eicros Gestión, valorado en 45.639,69 euros, incluíu a substitución dalgún dos exclusivos elementos de madeira de robinia deseñados pola empresa SIK-Holz

O pintado dos xogos permitirá finalizar nos vindeiros días o proxecto de restauración do parque infantil da Illa das Esculturas (en Celso Emilio Ferreiro), impulsado dende a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes. A actuación, que a firma Eicros Gestión está a executar cun orzamento de 45.639,69 euros, incluíu a substitución dalgún dos exclusivos elementos de xogo elaborados en madeira de robinia pola prestixiosa empresa alemana SIK-Holz.

Precisamente, este foi o motivo de que, segundo explica Iván Puentes, os traballos se prolongasen máis tempo do previsto inicialmente: “Trátase dun parque con xogos que teñen propiedade intelectual, realizados cunha madeira tremendamente resistente procedente de Serbia, que non apodrece, e que precisaban dunha pintura especial”. “Se o tempo acompaña -aclara o concelleiro de Medio Natural- agardamos que o parque poida estar totalmente pintado e rematado cara mediados de decembro”.

O proxecto, que tamén se traduciu na renovación da contorna desta área de lecer infantil, supuxo a revisión completa de tódolos elementos de xogo, así como a substitución daqueles que se atopaban en mal estado, e completarase agora coa mellora estética dos mesmos mediante o seu lixado, pintado e aplicación de vernices protectores. O importante investimento do Concello supuxo a renovación do pavimento dos camiños da contorna o chan de base de ‘garbanciño’ do parque infantil e os bordos de madeira que delimitan a zona de xogos. 

Asemade, levouse a cabo a restauración e reposición dos elementos de mobiliario, optimizando as condicións da área de descanso: mesas con bancos, papeleiras e bancos. Tódalas pezas de madeira danadas foron substituídas por outras novas.

As actuacións de mellora da zona de xogos e do seu contorno estanse a facer conforme ao deseño e singularidade orixinal da empresa á que foron adquiridos, a firma alemana SIK-Holz, caracterizada pola orixinalidade, seguridade e inclusividade dos seus elementos de xogo, mantendo a forma natural e estrutura da madeira.

O parque infantil da Illa das Esculturas é un conxunto singular de xogos ideado especificamente para o proxecto, pensando na integración na paisaxe natural da Illa e do seu contorno e deseñado en base ao xeito de xogar de nenas e nenos. Iván Puentes lembra que “esta orixinalidade confírelle un valor que o diferencia doutros parques, pero ao tempo fai que as condicións para a súa conservación e mantemento sexan máis esixentes”.

Cada parte dos elementos de xogo é unha peza de forma natural, de madeira de robinia, que encaixa no conxunto como parte dun organismo.

Os xogos renovados

Entre os elementos de xogo renovados inclúense un bambán alfombra voadora, unha randeeira cesto, un resorte mariquiña pequena, un balancín dobre ‘Abellas’, un resorte ‘Pato pescozo verde’, un conxunto para picnic en familia, un resorte triple ‘O crocodilo’, unha combinación Kletterwald, un bambán dobre, un resorte ‘Peixe dourado’, un balancín ‘postura en pé’ e unha combinación ‘Indio I’. 

Para o acondicionamento do terreo e a súa contorna procedeuse a unha pavimentación da zona a base de xabre, á recolocación ou reposición de travesas de madeira, a reparación de papeleiras e o pintado e laxurado de bancos de madeira.

COMPARTIR